Agromuralla acusa ás industrias lácteas de “aumentar os seus beneficios estrangulando aos productores”

por Redacción Galicia

A asociación de gandeiros e gandeiras considera «totalmente inxustificada» a rebaixa xeralizada de entre 3 e 5 céntimos no prezo do leite en orixe que propoñen as distintas empresas para a renovación de contratos

A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla acusa ás industrias lácteas de estar «enriquecéndose unha vez máis a costa dos produtores».

Agromuralla considera que «non existen razóns obxectivas de ningún tipo para unha nova baixada de prezo do leite en orixe máis aló da intención das industrias e as cadeas de distribución de facer caixa a costa de estrangular aos gandeiros».

«Resulta absolutamente inaceptable e intolerable unha nova baixada de prezos, como pretenden levar a cabo de xeito premeditado e coordinado todas as empresas que compran leite en Galicia», denuncia a asociación de gandeiros e gandeiras,

Agromuralla lembra que «España é un país deficitario en produción de leite» que se ve obrigado a mercar «máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume», polo que «o prezo debería reflectir esa realidade».

A produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas, e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis. «Neste momento están entrando pola fronteira cada día máis de 30 camións cisterna cargados de leite», explica a asociación de produtores.

Caída dun 30% do prezo do leite desde decembro

O día 31 de xullo vencen a maioría de contratos de compra de leite en Galicia e as ofertas de renovación das distintas empresas inclúen baixadas de entre 3 e 5 céntimos.

Trátase do terceiro descenso no que vai de ano, no que o prezo do leite pagado ás granxas caeu entre 15 e 20 céntimos, o que supón un descenso do 30% desde o mes de decembro.

«Nos supermercados o prezo do leite segue custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor», insiste Agromuralla. Ademais, «os insumos que temos que adquirir as granxas para o noso traballo diario non baixaron na mesma proporción que o está a facer o produto que vendemos.»

As granxas, sen capacidade real de negociación

A asociación de gandeiros denuncia ademais que os produtores seguen sen ter «capacidade real de negociación» e que os instrumentos legais establecidos ao respecto estanse a demostrar «inservibles na práctica».

«Moitas industrias non fan oferta previa con dous meses de antelación, senón que xa traen directamente o contrato co prezo fixado e nos casos nos que houbo oferta foi unicamente para cumprir o trámite legal, pero non para abrir unha negociación de igual a igual co gandeiro», asegura Agromuralla. «Tamén hai que ter en conta que cando as industrias traen os contratos, só che deixan o exemplar asinado, se non o asinas porque non estás dacordo coas condicións, non che deixan un exemplar para poder estudialo con calma.»

Críticas á Xunta e ao Goberno central

Desde a asociación de produtores lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por «abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos».

«A Xunta segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo, e xa non só iso, senon que modificou a normativa para permitir que,  industrias que incumpran coa lexislación vixente, poidan percibir axudas públicas, situándose deste xeito a Administración galega a carón das industrias e non dos gandeiros; mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, en vez de actuar de oficio, como sería a súa obriga», denuncia Agromuralla.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario