Daniel Castro: “Galiza debe asumir a plena capacidade para rexer o seu sistema sanitario, sen interferencias de ningún tipo”

por Redacción Lugo

O candidato do BNG compareceu ante os medios de comunicación durante a súa visita a Burela, onde deixou claro que «a situación da sanidade pública é un dos principais temas de preocupación para o BNG»

O número un do BNG por Lugo, Daniel Castro, visitou a Mariña Lucense onde asegurou ante os medios presentes que «a situación da sanidade pública é un dos principais temas de preocupación para o BNG, algo máis que xustificado xa que o seu deterioro non fai máis que aumentar».

Castro cualificou a situación como unha «alarma sanitaria» na que as persoas máis vulnerables son tamén as máis afectadas. «Tanto o Goberno español como o galego poñen todo o empeño, non en solucionar os problemas, senón en controlar a realidade a través do relato, co fin de materializar o seu plan clarísimo de empurrarnos cara á sanidade privada». Insistiu en que a situación actual non é froito da casualidade, «é o resultado dunha voadura programada que levan materializando dende hai moito tempo, nun obxectivo claro de mercantilizar a sanidade».

Isto provoca, explicou, que a sanidade galega se transforme nun nicho de negocio, coa consecuente perda do dereito á universalidade; algo que o BNG quere evitar apostando por unha nova Lei de Universalización que garanta o dereito á asistencia sanitaria con carácter universal, orientada no fondo e na forma á cobertura sanitaria pública, con garantías, e de calidade para todas as persoas.

Daniel Castro expuxo a necesidade de que Galiza asuma «a plena capacidade para rexer o seu sistema sanitario, sen interferencias de ningún tipo» e esixiu «unha rectificación das políticas que están a deteriorar o sistema sanitario público», incidindo especialmente nas necesidades de médicos de familia e pediatras dos centros de saúde das distintas comarcas e de medios e persoal en distintos servizos dos hospitais da Mariña e de toda a provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario