O PP de Vilalba lamenta a falta de oferta de actividades de ocio infantil para a tempada de verán, “o quinto consecutivo sen piscinas na Madalena”

por Redacción Lugo

O Partido Popular de Vilalba mostra a súa preocupación polo “quinto ano consecutivo que os nenos e nenas quedan sen piscinas na área recreativa da Madalena” ante o “desinterese” por parte do goberno local.

Á falta desta oferta de ocio engádese que “tampouco mostran interese en buscar unha alternativa”, deixando sen unha previsión de oferta de ocio á poboación infantil en época estival, dado que “a día de hoxe tampouco se coñece a programación de actividades para o verán que en anos anteriores se desenvolvía baixo o nome de ‘Verán Activo’ co goberno do PP ou ‘Vilaescolas’ no anterior mandato co goberno do PSOE en minoría”, sinala a concelleira Paula Gesto.

Os populares condenan esta “falta de interese e organización” porque “afectará a todos os vilalbeses e vilalbesas e, sobre todo, á nosa poboación infantil”.

A ÁREA DA MADALENA, UN BLOQUE DE CEMENTO

O Grupo Municipal Popular considera as obras da área recreativa da Madalena na que o PSOE insistiu en gastar un millón de euros “un misterio baixo un bloque de cemento que nunca chega ao seu fin” porque “nin se aprecian avances significativos”.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario