Rubén Arroxo: “Na segunda fase da renovación integral de Aquilino Iglesia Alvariño seguiremos traballando na mellora dos espazos públicos e no calmado do tráfico”

por Redacción Lugo

O Tenente Alcalde anunciou que os servizos técnicos do Concello de Lugo están a avanzar no proxecto de obra

O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que os servizos técnicos do Concello de Lugo están a traballar no proxecto da segunda fase da renovación integral da rúa Aquilino Iglesia Alvariño, na contorna de Lamas de Prado. Arroxo explicou que o Goberno de Lugo traballa «na renovación integral da contorna de Lamas de Prado, que comezou coa rúa principal, e que agora continúa coa quinta rúa de Lugo máis poboada».

Os servizos técnicos da área de Mobilidade e Infraestruturas traballan na mellora das actuais zonas peonís da rúa, continuando co executado xa no primeiro treito da mesma. Renovarase o mobiliario urbano e seguirase traballando no aumento do número de árbores instaladas na zona. «Avanzaremos tamén no calmado do tráfico en toda a cidade, unha das solicitudes que cada vez realizan máis veciñas e veciños de Lugo», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «este proxecto buscará optimizar os espazos o máximo posible, garantindo zonas peonís amplas sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento».

«Desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo seguimos traballando nunha zona da cidade que requería de moitas melloras no espazo público, garantizando espazos de convivencia para toda a veciñanza», declarou Rubén Arroxo, que engadiu «no pasado mandato investimos máis dun millón de euros na renovación de Lamas de Prado, Aquilino Iglesia Alvariño e a Praza de Alacante, tres intervencións que melloraron enormemente a calidade de vida das persoas, nos próximos anos continuaremos coa renovación integral dunha das zonas máis poboadas de Lugo».

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario