Rexorde Galiza Nova na comarca do Barbanza con Inés Vázquez á cabeza

por Redacción Galicia

A asemblea comarcal reuniuse este luns 17 de xullo e elixiu á rapaza de Rianxo como nova responsable da formación

A asemblea comarcal de Galiza Nova no Barbanza reuniuse este luns 17 de xullo co obxectivo de rexurdir o traballo xuvenil nacionalista na zona e elixiu á rianxeira Inés Vázquez como responsable comarcal.

“Para min é un orgullo asumir a responsabilidade, mais isto é un traballo colectivo e estou segura de que entre todas e todos faremos que Galiza Nova chegue a todos os concellos desta banda da ría”, sinalou Inés, “é o momento de que os mozos comecemos a mirar polo noso, que ao final o futuro que se está formando é o que a nós nos espera” engadiu.

Na xuntanza contaron coa presenza de Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, que sinalou que “é unha realidade que o nacionalismo e a vontade de organizarse están medrando entre a mocidade e vese reflectido na creación de novas asembleas comarcais e locais por distintas zonas do país”.

Ademais da elección de responsabilidades, na xuntanza tamén planificaron o traballo a realizar nas vindeiras semanas. As nacionalistas participaran nos actos que organiza tanto o BNG como Galiza Nova os días 24 e 25 de xullo con motivo do Día da Patria Galega e anuncian a chegada da Furgo de Galiza Nova o vindeiro día 19 de xullo en Ribeira.

“Retomamos a actividade case no ecuador da campaña, non podíamos deixar de transmitir a mensaxe que o BNG ten para a mocidade galega e iso estaremos facendo o vindeiro 19 de xullo en Ribeira” apuntou Vázquez.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario