O PP de Viveiro subliña que “a Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Viveiro unha axuda de 50.000 euros -dividida en dúas anualidades- para a reforma da instalacións eléctrica e novas dotacións no campo municipal de deportes de Celeiro”: aseos, caseta-vestiario, varanda, redes e bancos. Trátase dun claro exemplo da “vontade colaboradora da Xunta con Viveiro”, din.
Os populares inciden en que “a Xunta cumpre coa súa parte” para facer realidade a mellora do campo de Celeiro que inclúe a construción de aseos e vestiarios, unhas dotacións que atenden ás normas sobre instalacións deportivas e esparexemento (NIDE) “moi necesarias para estas instalacións deportivas” que redundarán na mellora das condicións para a práctica deportiva por parte dos seus usuarios.
Unha vez coñecida a achega da Xunta, os populares pregúntanse cal será a contía que porán o Concello e a Deputación e tamén cando ten previsto o goberno local iniciar as obras.
Os populares lembran que “o goberno local incumpriu reiteradamente a súa parte”. Por unha banda, tardou tres anos en redactar o proxecto técnico necesario para optar en anualidades anteriores ás axudas para a mellora de instalacións deportivas que convoca a Xunta. E, por outra, incumpriu o prazo establecido para xustificar as obras no convenio específico para esta actuación asinado o ano pasado entre o Concello e a Xunta, sen a colaboración da Deputación de Lugo.
A voceira popular, Mariña Gueimunde, considera que “a alcaldesa ten que solicitar as subvencións para ter a oportunidade de optar a elas. E esta é unha demostración clara e evidente de que se se solicitan, o Concello sae beneficiado”. Iso si, advirte que “non se pode esquecer de cumprir os prazos de execución e xustificación das obras”.
Foto. RFGF