A Xunta convoca unha nova orde de axudas para programas de voluntariado interxeracional no medio rural

por Redacción Galicia

Na primeira edición financiáronse 18 proxectos no marco desta iniciativa que permitiron, entre outras propostas, promover a nova economía dos coidados, recuperar oficios e a produción agroalimentaria e mellorar as competencias dixitais

Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova orde de axudas para o desenvolvemento de programas de voluntariado no medio rural, unha iniciativa que celebrou o pasado ano a súa primeira edición. En concreto, ofrece actividades formativas e intercambio de coñecementos para dinamizar os concellos menos poboados e mellorar as perspectivas laborais da xuventude.

Na primeira edición apoiáronse un total de 18 proxectos diferentes que permitiron poñer en contacto a mozos de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55 para que poidan intercambiar coñecementos e intereses. O programa conta cun orzamento de 760.000 euros e atópase no marco do Plan de recuperación, transformación e resilencia financiada pola Unión Europea (NextGenerationEU).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e estará aberto a partir de mañá. É preciso presentalas por vía electrónica a través do formulario dispoñible en www.sede.xunta.gal. Poderán solicitalas entidades de acción voluntaria tanto locais como asociativas e deberá propoñer iniciativas que teñan como escenario o medio rural.

Algún dos proxectos que se apoiaron o pasado ano estaban relacionados co intercambio de coñecementos vinculados a ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo e o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos.

Primeira edición

Entre os proxectos que recibiron financiación o pasado ano destacan as propostas presentadas pola Escola de Tempo Libre Colaxe e a da ONGD Senvalos. Nelas, as persoas voluntarias participaron en actividades de acompañamento, asistencia ás familias, envellecemento digno, de conectar coas novas tecnoloxías e de agricultura ecolóxica.

Así mesmo, e máis centrado no ámbito da produción agrícola e a inserción laboral, están a proposta da Asociación Os Tres Reinos, para promocionar o cultivo ecolóxico e a transformación do centeo da Mezquita dun xeito tradicional; e o proxecto de Valores Innovation, que puxeron en contacto a persoas desempregadas con persoas maiores que necesitan coidados, ademais de traballar na promoción do turismo rural e en accións de cohesión tanto tecnolóxica como dixital.

O resto de entidades de acción voluntaria que contaron con estes fondos da Xunta para levar a cabo as súas iniciativas son: a Fundación Amigos de la Barrera, coa proposta ‘E ti,, de quen vés sendo’ para a promoción da riqueza social, cultural e ecolóxica; a Fundación Eduardo Pondal, con ‘Os tempos son chegados. O teu talento, o meu futuro’ para impulsar novas iniciativas de emprendemento rural coa recuperación de oficios tradicionais; a Asociación Esgaia Inserta, que contempla no seu proxecto ‘O can na horta’ actividades de coidado de animais de compañía, promoción da adopción e creación dunha horta ecolóxica; e a Federación de centros xuvenís Don Bosco, que con ‘Contaxia Experiencia’ quere dar a coñecer á xente nova as oportunidades do medio rural a través de obradoiros de cociña, roteiros culturais e paisaxísticos, a recuperación de oficios tradicionais como a cestaría ou da música tradicional.

Concellos

Entre as entidades locais, destacan os proxectos realizados de maneira conxunta polos Concellos de Monterrei e Cualedro e o impulsado polos de Vilar de Barrio, Laza e Xunqueira de Ambia. En cada un deles participaron ata 42 mozas e mozos voluntarios, que se encargaron de recuperar experiencias das persoas maiores destas localidades, acompañalas e axudalas nos seus fogares, así como guialas no manexo das novas tecnoloxías de información e comunicación.

Outras Corporacións locais con iniciativas que foron financiadas por este programa da Xunta son: a de Nogueira de Ramuín, cunha proposta centrada no coidado de rutas de sendeirismo; a de San Xoán de Río, para promocionar os cultivos ecolóxicos, protexer a diversidade e promocionar o turismo; a de Ames, con obradoiros de memoria e gravacións de vídeo con fin de fomentar o encontro entre a veciñanza; ou a de Vedra, que procura coa súa proposta promover o turismo, transmitir o coñecemento do sector horticultor e conectar ás persoas maiores ao mundo dixital.

Tamén recibiron apoio económico do Executivo autonómico os proxectos de voluntariado interxeracional dos Concellos de Cenlle, para sensibilizar sobre a importancia de conservar as tradicións; e o de Mos, que incluíu faladoiros, musicoterapia e ensinanza de instrumentos tradicionais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario