Luis Álvarez resalta que Feijóo viviu a súa “peor noite electoral” e sentencia que “non vai a ser presidente do goberno”

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista destaca que conseguiron “darlle a volta ás enquisas” e aumentar os seus apoios a pesar de sufrir “unha oposición nunca vista”

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, resaltou este luns que Núñez Feijóo “viviu a súa peor noite electoral” e sentencia que “non vai a ser presidente do goberno”. Así mesmo, destacou que lograsen “darlle a volta ás enquisas” e aumentar os seus apoios a pesar de sufrir “unha oposición nunca vista”, alegou.

O voceiro dos socialistas na Cámara galega ofreceu a súa valoración dos resultados das eleccións xerais deste domingo, nas que os socialistas creceron en toda España en máis de 800.000 votos e dous escanos. Os datos sinalan que PP e Vox quedan lonxe da maioría absoluta, algo que Álvarez atribúe a que conseguiron “retratar a un Alberto Núñez Feijóo que coñecíamos ben en Galicia”.

En relacións aos resultados na comunidade autónoma, o representante socialista fixo fincapé no aumento de votos do PSdeG, que se viu penalizado polo reparto de escanos no sistema electoral e a menor fragmentación na dereita respecto ao 2019. En concreto, resaltou que a maioría dos galegos “dixeron non a Feijóo”, pero non se maximizou na representación final, xa que a esquerda logrou máis do 50% dos apoios, pero só o 43,5% dos escanos. Mentres tanto, PP e Vox lograron un 48% de votos e un 56,5% dos escanos en Galicia.

Para Álvarez hai unha constatación de que existe unha maioría de esquerdas na comunidade autónoma, ao ser o segundo proceso electoral consecutivo, logo das municipais de maio, onde as forzas de carácter progresista obteñen unha porcentaxe de votos superior ao PP e ao conxunto da dereita en Galicia.

Hai dous aspectos principais nos que centrou a súa análise. O primeiro é que os socialistas competía con “dous candidatos galegos” á presidencia do goberno, como son Núñez Feijóo e Yolanda Díaz. O segundo é a importancia do voto útil no que insistiron durante a campaña, xa que en Lugo e  Ourense, provincias con só 4 escanos en xogo, o BNG e Sumar lograron 52.000 votos que non obtiveron representación, sendo ademais os socialistas os que quedaron máis cerca de arrebatar o último escano ao PP en ambos casos.

Luis Álvarez considera que “Feijóo fracasou” no seu intento de alcanzar a Moncloa, porque “apostouno todo a sumar coa ultradereita e meténdoas no goberno de España e facendo tremer a Europa enteira e fracasou”, polo que cre que tanto no Estado como en todo o continente “van a durmir tranquilos”.

Aniversario Angrois

O portavoz do Grupo Socialista tamén tivo unhas palabras de agarimo e para recordar aos 80 falecidos e 145 feridos do accidente ferroviario de Angrois do que se cumpriron dez anos este luns. Así mesmo, asegura que agarda que se faga xustiza coas vítimas, con todo o respecto ao proceso xudicial que aínda se encontra aberto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario