Mariña Gueimunde tilda de “lamentable” que a primeira medida do goberno PSOE-BNG en Viveiro “sexa elevar a 136.000 € os custes salariais ao duplicar as dedicacións exclusivas”

por Redacción Lugo

A popular aclara que “non nos opoñemos a que a Alcaldía e a tenencia de Alcaldía teñen salarios á altura, pero é moi difícil apoiar outras dúas dedicacións que só serven para cumprir un pacto para formar goberno”

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Mariña Gueimunde, non dá crédito a que o PSOE e o BNG que só suman oito concelleiros, tomen coma primeira medida duplicar as dedicacións exclusivas elevando o custe salarial do goberno municipal ata os 136.000 euros: “É lamentable que nun tema tan sensible, e estando en minoría, sexan tan prepotentes que nin sequera tenten falar antes coa primeira forza en concelleiros”. Así mesmo, engade: “din nos medios que queren consensuar temas coa oposición, e ante a primeira oportunidade que teñen, nun tema delicado que causa moita controversia, toman unha decisión unilateral sen ter os apoios suficientes”.
A portavoz popular non se opón a que a Alcaldesa e a tenencia de Alcaldía manteñan as dúas dedicacións exclusivas “cun salario á altura do que significa ser Alcaldesa do terceiro municipio da provincia”, pero matiza que “o que é moi difícil de apoiar son as outras dúas dedicacións, que só teñen por obxecto dar resposta a compromisos adquiridos para chegar ao goberno. Os populares sinalan que “pretenden que a metade do goberno viva do erario público, sen unha xustificación clara e diáfana de onde está a necesidade de xestión, e que só serven para incrementar aínda máis a débeda dun dos concellos máis endebedados de Galicia”.

Non hai partida orzamentaria suficiente para as dedicacións

Mariña Gueimunde explica os reparos técnicos da Interventora Municipal a este incremento “é un informe demoledor, onde advirte que non hai consignación orzamentaria para tanta dedicación exclusiva, e urxe a aprobación dos orzamentos do ano 2023, ou unha modificación dos orzamentos xa existentes que habilite crédito suficiente”.

Nese sentido, a portavoz explica “que unha cidade como Viveiro teña dereito ata a 7 dedicacións exclusivas, non significa nada si non veñen acompañadas dunha partida orzamentaria que non ten». De feito, aclara que  “o informe da Interventora di que só está garantida a dedicación da Alcaldesa dende o 1 de agosto ata o 31 de decembro”.

Gueimunde conclúe que “unha vez máis serán os independentes os que determinarán se Viveiro consinte un gasto desa natureza tendo as necesidades sociais que temos no concello”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario