A asociación Buxainas celebrará o sábado o seu tradicional festival coa participación de formacións de San Cibrao e de Alacante
O Concello de Cedeira promove para este domingo unha nova edición do Día da Bicicleta, unha actividade plenamente consolidada nos veráns da vila e que adoita reunir a veciñanza e visitantes de todas as idades. Unha vez máis, a proposta pasa por un paseo pola vila, dunha hora de duración e sen dificultade, e outro percorrido que baixo o nome “A bici tira ao monte” vai dirixido a persoas con bicicleta de montaña e un pouco máis “ousadas”.
O punto de reunión será a praza Roxa. Desde as 10.30 horas da mañá poderán realizarse as inscricións e a saída tomarase ás 11.00 horas, nos dous percorridos previstos, o de paseo e o de bicicleta de montaña. Ao rematar o itinerario polas rúas da vila entregaranse dous agasallos, ás persoas participantes de maís e menos idade. Desde o Concello de Cedeira recordan que é obrigatorio o uso do casco.
A fin de semana ten outras citas culturais en Cedeira. Así, o Auditorio acollerá este venres, ás 19.30horas, o acto “O Camiño do/a Artista” organizado pola asociación Lugares Comúns. A proposta consistirá en abrir un diálogo con diferentes artistas sobre o seu proceso creativo. Comezará coa escritora de relatos curtos Joanne Salomon, que compartirá co público a historia “Soar” sobre a súa vida durante unha xira mundial como actriz do espectáculo “De la Guardia”. A continuación, comezará a conversa con Joanne Salomon e tamén co coreógrafo e dramaturgo de Edimburco Brigid McCarthy Charlton, co escultor de Cornualles Maddie Nelligen; coa coreógrafa londinense Rachel Bown-Williams e coa artista conceptual, tamén de Londres, Victoria John.
Tamén o festival de Buxainas, que se vai celebrar o sábado, achegará a Cedeira o influxo cultural doutros lugares. Así, a formación de música e baile tradicional da localidade contará nesta ocasión coa participación da formación Mistura, procedente da vila lucense de San Cibrao, e do Grupo de Danses d’Ibi, do municipio de Ibi, en Alacante. A cita será o sábado, ás 19.30 horas, na praza Roxa. En caso de choiva a actividade trasladarase ao Auditorio Municipal.
Outras actividades
O campionato de baloncesto 3×3, no que están a participar un total de 58 equipos, chega á súa recta final. Mañá venres, ademais dos partidos das categorías infantil, senior e veteranos, haberá unha churrascada a partir das 20.00h e a actuación do grupo The Noventers.
O sábado continuarán os partidos das mesmas categorías, cunha sardiñada e churrascada ao mediodía con prezos populares: 7€/ración de churrasco, que inclúe criollo, e 10€/docena de sardiñas. Á noite haberá unha sesión do dj Martín Wizard.
O domingo a partir das 11 horas celebraranse cuartos de final e o concurso de habilidades, para nacidos en 2011 ou posterior, e semis e finais pola tarde, ademais do concurso de triplos sen límite de idade. Na sesión vermú actuará o grupo Los Limones, e a media tarde haberá unha exhibición da escola de baile “Street Dance”, así como durante a xornada se sortearán balóns de baloncesto e xamóns. A entrega de premios aos equipos gañadores será a partir das 22.00h.