A música popular de Alemania, Escocia, Francia e Irlanda, protagonista este venres no 10º Noia Harp Fest

por Redacción Galicia

A irlandesa Laoise Kelly, o dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich, e a banda escocesa The Poozies farán vibrar as cordas dos seus instrumentos e ao público durante a segunda xornada do festival

A segunda xornada da décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest, terá como protagonista o virtuosismo de mulleres arpistas a través da música folk e popular de Alemania, Escocia, Francia e Irlanda.

A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada ás 19:00 horas na igrexa de Santa María A Nova. É pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental que se mostra nos seus tres álbums en solitario aclamados pola crítica: Just Harp, Ceis Fáilte Uí Cheallaigh. Kelly foi membro fundador do grupo tradicional Bumblebees, con quen gravou dous álbums, e de Fiddletree, un grupo de América, Cabo Bretón e Escocia que toca 8 instrumentos feitos coa mesma árbore. Ademais, a arpista participou na gravación de máis de 70 álbums con figuras como Seamus Heaney, The Chieftains, Christy Moore ou Sharon Shannon; ou mesmo co icono estadounidense do country/bluegrass Tim O’Brien.

Ás 21:00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Cunha arpa de levas bohemia, zanfona, voz e gaita francesa, evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións profundamente emotivas. O repertorio  do dúo abrangue desde composicións propias modernas ata músicas tradicionais francesas e alemás ou melodías de manuscritos antigos, en cuxa interpretación exploran as posibilidades e experiencias sonoras dos seus instrumentos.

Finalmente, na mesma praza do Tapal, a noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, as escocesas The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival. Desde o seu nacemento, o grupo realizou xiras por todo o mundo, acadando recoñecemento pola súa ecléctica elección de material, arranxos inusuais e emocionantes e harmonías vocais conmovedoras. A actual formación de The Poozies atesoura unha gran colección de cancións xeniais e melodías groovy e o seu concerto comezará ás 22:00 horas.

Noia Harp Fest

O 10º Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, ofrecerá este 2023 nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia.

Así, a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a andaluza Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras de Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu. Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades. O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Para máis información, pódese visitar www.noiaharpfest.gal.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario