Yolanda Díaz propuxo o pasado 2 de agosto un cambio no Regulamento da Cámara
A proposta realizada por Sumar a través de Yolanda Díaz o pasado 2 de agosto foi clave e «transformouse nun acordo que permite construir a maioría progresista e plurinacional na Mesa da Cámara».
Díaz propuxo un cambio no regulamento do Congreso para que se poidan utilizar tamén o galego, o euskera e o catalán, unha iniciativa que responde «a un estilo de facer política mediante acordos cos que se visualice que vivimos nun país e nunha sociedade plurais», considerou Verónica Martínez Barbero, deputada de Sumar pola provincia de Pontevedra.
Para isto débese reformar o artigo 6 do Regulamento da Cámara para que tamén inclúa a interpretación simultánea de todos os idiomas oficiais do Estado.
«Dende Sumar gustaríanos que, tendo en conta que o noso país é diverso e plural, que é un país de países, as Cámaras poidamos propiciar unha reforma do Regulamento para que poidamos expresarnos nas linguas cooficiais, en galego, catalá ou euskera. Isto gaña dereitos para as distintas identidades do noso país», dixo Yolanda Díaz cando presentou a reforma.