O FICBUEU quenta proxectores con dúas sesións de cinema na praia na noite do mércores

por Redacción Galicia

O areal buenense da Banda do Río acollerá as proxeccións de balde, organizadas nunha sesión infantil e outra para maiores de 16 anos

Este mércores pola noite, a praia da Banda do Río, en Bueu, convértese nunha sala de cine. O Festival Internacional de Cinema de BUEU, o FICBUEU, proxectará en dúas sesións e a partir das 22 horas algunhas das mellores curtametraxes que formaron parte da súa programación nas últimas edicións. A escolma das películas fíxose arredor dun eixo temático: o verán e as viaxes. Dende a Praia da Bando do Río, o público poderá percorrer o estío do mundo a través do cinema.

As proxeccións están organizadas en dúas sesións: unha con filmes recomendados para todos os públicos, a partir das 22 horas; e unha segunda que comeza ás 23 horas e na que se proxectarán curtametraxes recomendadas para maiores de 16 anos. As organizadoras suxírenlle ao público que leve cadeiras, mantas, toallas ou elementos de apoio para acomodarse durante os pases de curtas no areal.

Un Festival para un territorio

A promoción da cultura e do territorio no que se desenvolve o Festival, Bueu e a bisbarra do Morrazo, son dúas das razóns de ser do FICBUEU. De aí a organización destas proxeccións, que veñen sumarse ás actividades que a Asociación FICBUEU, que organiza o Festival, desenvolve durante o ano enteiro tanto para en materia de divulgación cultural coma de apoio ás creadoras e creadores.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu chega aos seus días grandes a partir do vindeiro 8 de setembro. O seu público poderá coñecer as tendencias mundiais máis recentes en materia de cinema de autor. Proxectaranse 89 películas chegadas de 30 países dos cinco continentes. Algunhas delas chegan a Bueu logo de pasaren por grandes eventos mundiais de cinema coma os Premios Oscar (EE.UU) ou o Festival de Cannes (Francia). As entradas para a vindeira edición do FICBUEU poderán ser mercadas por internet a partir dos vindeiros días.

 /></p></div><div class=

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario