A Oficina Técnica da Seca acorda manter tamén a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña
A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
Tamén continúa activa a situación de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo.
Anticipación e prevención
A Xunta, a través deste seguimento, traballa para acadar a anticipación ou a adopción de medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.
O Goberno galego reitera aos concellos a necesidade de adoptar as medidas que consideren oportunas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.
Cómpre levar a cabo un consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.