Considera “inadmisible” que, a dúas semanas do inicio de curso, o alumnado non saiba que tipo de probas vai ter que realizar en xuño nin como preparalas
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, remite hoxe unha carta á ministra de Educación y FP en funcións, Pilar Alegría, solicitándolle que o Goberno central paralice a nova ABAU. A Xunta de Galicia considera “inadmisible” que a dúas semanas de iniciar o curso, o alumnado de 2º de Bacharelato non saiba como van ser estas probas en xuño nin como preparalas. “O Goberno galego reclama que se paralice a reforma e que este curso a ABAU se desenvolva co mesmo modelo dos últimos anos”, declara o conselleiro.
Para o responsable do departamento educativo do Goberno galego, “a situación política non pode ser unha escusa nin prexudicar aos estudantes”. “Eles, as súas familias e o profesorado necesitan certezas nun curso tan importante na súa vida”, sinala.
Na súa opinión, “a reforma da ABAU empezou mal formulada por parte do Goberno central, sumiuse nun proceso de rectificacións permanentes e agora atópase nun túnel sen saída”. Ás dificultades do calendario de implantación que pretendía impoñer o Ministerio, súmase agora que desde o adianto electoral non houbo avances. En concreto, por mor desta situación, están sen aprobar o real decreto e a orde que o desenvolve.
Ante iso, entende que o máis recomendable é paralizar a implantación da ABAU, manter este curso 23/24 o modelo vixente e dar os estudantes toda a seguridade que necesitan.
A Xunta lembra que a reforma da ABAU foi mal deseñada desde o inicio porque non aborda o principal problema do sistema actual, que é a desigualdade entre o alumnado de distintas comunidades. “Desde Galicia levamos moitos anos demandando unha ABAU única e co mesmo nivel de esixencia dos exames e dos criterios de corrección para dar igualdade de oportunidades ao alumnado no acceso á Universidade, mentres que o Ministerio se centrou en crear confusión e en reducir o nivel das probas”, sinala.