A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria na que alerta do “agravio comparativo” provocado polo goberno galego no reparto de fondos públicos para os festivais de cinema de Galicia. Díaz reclámalle á Consellería de Cultura que presente por escrito un informe das subvencións nominativas achegadas a este tipo de certames.
A responsable socialista sinala que o goberno galego distribúe unhas axudas escasas concedidas a través do Agadic en réxime de concorrencia competitiva, que compatibiliza con outras partidas concedidas “a dedo” dende outros organismos como a Axencia Galega de Turismo. É o caso, explica, do Festival Internacional de Cine de Ourense – OUFF, que este ano recibiu 385.000 euros de Turismo e outros 60.000 de Agadic, as dúas concedidas por convenio nominativo e sen que ese festival concorra á convocatoria pública de axudas.
Alerta de que o de Ourense non é o único caso, e considera “incomprensible” que algúns festivais teñan que competir pola subvención en concorrencia competitiva de Agadic mentres outros reciben de forma directa unhas contías que superan en moito o que calquera festival pode acadar cada ano.
Díaz lembrou que os festivais e certames de cinema reciben hoxe un 25 por cento menos de orzamento da Xunta que co goberno do socialista Pérez Touriño en 2009, cando había “moitos menos eventos”. Sinalou que a Xunta concede apenas 225.000 euros a través de Agadic, moi por debaixo dos 300.000 daquel goberno e proporcionalmente moi inferior ao que dedican as deputacións da Coruña e de Pontevedra.
Dixo que se o marco administrativo e de financiamento dos festivais de cinema por parte da Xunta de Galicia é a liña de axudas de concorrencia competitiva ás que optan a maioría de festivais, “non se comprende -apunta- que o financiamento autonómico dalgúns sexa a través de convenios nominativos que calquera festival desexaría asinar”.
Remarcou que “é menos explicable que precisamente a axencia que convoca esa liña de subvencións sexa quen achega unha cantidade orzamentaria que supera en moito o que calquera festival concorrente pode acadar cada ano”.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a dar cumprimento do acordo aprobado na Cámara autonómica o pasado 7 de xullo polo que lle reclamaban á Xunta que realice un estudo do retorno económico que supoñen os festivais galegos de cinema e así poder incrementar a liña de axudas destinada a estes certames.