O goberno local xestiona un proxecto para sumar a instalación á nova rede EPIC
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acordou recentemente solicitar unha axuda ao Consello Superior de Deportes para a dixitalización da piscina municipal, unha iniciativa coa que a instalación pasaría a formar parte da rede EPIC –de piscinas intelixentes conectadas- que está a impulsar a Federación Española de Natación (RFEN) a través dos fondos Next Generation. O proxecto consiste na colocación dunha serie de sensores e chips tanto no vaso como nas gafas dos nadadores para recoller información da actividade en tempo real. Os datos reflíctense tanto nunha gran pantalla que estará xunto á piscina como nunha aplicación.
Esta tecnoloxía diríxese tanto a monitorizar a actividade deportiva como a mellorar a seguridade, porque os monitores ou socorristas recibirán unha alerta cando calquer nadador ou nadadora estea máis tempo do normal por debaixo da lámina de auga. É un sistema de especial interese para as personas con diversidade funcional, coas que existe maior risco de afogamento. Para a natación federada, será unha oportunidade para monitorizar os adestramentos e adoptar decisión e deseñar as sesión baseándose en datos, segundo a tendencia xeral en todos os deportes.
O sistema permitirá o traballo en rede entre a comunidade de nadadoras e nadadores do país, de maneira que un rapaz que estea adestrando en Cedeira poderá comparar os seus tempos cos de Mireia Belmonte, por exemplo, ou participar en retos solidarios ou todo tipo de competicións virtuais que contribuirán a motivalo. A dixitalización das piscinas, unha tendencia á que se quere sumar Cedeira, se presenta tamén como unha fórmula para atraer máis usuarios.
O proxecto emprega a tecnoloxía denominada Nagi Smartpool, que desenvolveu unha empresa valenciana. O custo da implantación do sistema é de 87.120€ (IVE incluído) e a súa execución está condicionada á obtención, a través das devanditas axudas estatais, dos fondos necesarios.
Cómpre recordar o uso intensivo que ten a piscina de Cedeira, onde o club de natación conta cunhas 230 licencias federativas e preto de 250 personas acoden ás escolas que organiza o Concello para nenos e nenas e para adultos.