A formación, dividida en seis xornadas de tarde, será práctica e inclúe dous obradoiros para aprender a elaborar mosto, sidra e conservas
O próximo luns, 4 de setembro finaliza o prazo para inscribirse no curso de «Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas» que a Fundación Juana de Vega imparte en colaboración co CFEA de Guísamo. Serán seis sesións totalmente prácticas en horario de tarde, entre setembro e novembro, incluíndo dous obradoiros para elaboración de mosto, sidra e conservas.
O custo é de 100€, que se deberá aboar unha vez feita a reserva de praza no formulario aloxado na web da Fundación.
Durante as 28 horas de formación, o alumnado estudará as operacións de colleita e de conservación da froita de maneira transversal a todas as producións frutícolas.
A sesión inicial será o martes, 5 de setembro na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós, Oleiros (16:00 a 20:00h) e o resto no CFEA de Guísamo (16:30 a 20:30h), en Bergondo, os días 12/09, 17, 24 e 25/10 e 14/11. Para finalizar, no mes de decembro, organizarase unha xornada de cata dos produtos elaborados coincidindo coa entrega dos diplomas. As persoas que completen o 80% da asistencia recibirán un certificado de aproveitamento.
Respectuosos co ciclo vexetativo
O curso de “Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas” correspóndese co cuarto e último módulo da edición 2023 do “Curso de fruticultura e transformados” que comezou en febreiro e se imparte de forma descontinua para cubrir todo o ciclo vexetativo das árbores froiteiras. O primeiro módulo centrouse na poda, o segundo na propagación de especies froiteiras e técnicas de cultivo; e o terceiro na planificación da explotación, defensa vexetal, traballos de mantemento, mecanización e instalacións frutícolas.
A Fundación Juana de Vega, en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, imparte desde hai xa máis dunha década e con moi boa acollida, este “Curso de fruticultura e transformados”, que por primeira vez en 2023 se dividiu en módulos para adaptarse ás necesidades dos interesados.