O humor e a improvisación serán protagonistas en Carral co ciclo Noites de Monólogo

por Redacción A Coruña

Todas as actuacións se levarán a cabo os venres, ás 21.00 horas, no local social Xente Nova de Tabeaio

O humor e a improvisación terán un gran protagonismo ao longo do mes de setembro. O Concello iniciará, esta semana, unha nova edición do ciclo Noites de Monólogo. Todas as actuacións levaranse a cabo os venres, ás 21.00 horas, no local social Xente Nova de Tabeaio, dando comezo esta mesma semana.

A primeira función terá lugar este venres, 15 de setembro, e correrá a cargo do actor e humorista, Oswaldo Digón, que chegará ao municipio con Ansia Viva. Trátase dunha comedia na que a improvisación teatral se mesturará coa música en directo do guitarrista Luis Tinaqueiro.

Antía Costas tomará o relevo o venres, 22 de setembro, con A filla do juevo. Ao longo da representación, Costas falará das súas raíces e do que supón ser do Morrazo e improvisará, ademais, cancións de diferentes estilos musicais.

A última proposta do ciclo chegará da man do dúo conformado por Mejuto & Celester. Coa actuación Non somos Carlos Blanco e Touriñán, ambos os dous abordarán os temas que afectan aos intérpretes e que se resumirán en dez frases que calquera actor ou actriz escoita ao longo da súa carreira artística.

O acceso a todas as representacións é libre e gratuíto, e farase por orde de chegada.

 width=

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario