O PP de Xermade pide un desbroce “ordenado” nas pistas das parroquias e labores de conservación na biblioteca

por Redacción Lugo

Os populares consideran que «unha frecuencia anual para o desbroce das marxes das pistas municipais é insuficiente porque na primavera e no verán a maleza acelera o seu crecemento»

O Grupo Municipal do PP de Xermade pediu ao goberno local un cronograma para realizar os desbroces das pistas municipais de “xeito ordenado e eficiente” de forma que se garanta “un correcto mantemento de todas as parroquias” e se aproveiten os recursos públicos coma, por exemplo, o combustible dos tractores.

Os populares explican que “actualmente o Concello de Xermade realiza o desbroce nas marxes das vías municipais de forma anual”, pero consideran que se trata “dunha frecuencia insuficiente, xa que na primavera e época estival a maleza acelera o seu crecemento e, nos lugares onde está sen rozar, pode dificultar a visibilidade dos condutores”.

Arranxar a biblioteca municipal

Os concelleiros do PP de Xermade instaron ao goberno local socialista no pleno do pasado xoves a arranxar os danos no edificio da biblioteca municipal que alberga a casa-niño ante o seu estado de abandono. Os populares sinalaron que incluso hai goteiras, ademais de presenza de hedras que reducen a entrada de luz a través das ventás e outros signos que demostran a falta de conservación do inmoble. É por iso polo que piden o seu arranxo, pero tamén desenvolver con frecuencia labores de limpeza na edificio e no seu entorno.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario