Os populares presentaron esta mañá algunhas das alternativas para mellorar a circulación e o estacionamento nesta zona
Os veciños de Fontiñas seguen a sufrir os problemas derivados da falta de prazas de aparcamento mentres dende o goberno local miran cara outro lado, polo que os problemas seguen a ralentizar a economía e a vida dun barrio que conta cun gran número de veciños.
A voceira popular Elena Candia e o concelleiro Antonio Ameijide explicaron que, segundo a liña de ser unha oposición útil, que aporta solucións, hai unhas semanas que iniciamos unha recollida de sinaturas entre a veciñanza deste barrio para amosar ao goberno local a necesidade existente no barrio de aportar solucións para paliar a falta de prazas de aparcamento. “Actualmente máis de 1.000 veciños xa asinaron a petición”, explicou.
Os populares defenderán no pleno da próxima semana unha serie de medidas encamiñadas a mellorar a circulación e o estacionamento na cidade, medidas que inclúen:
- A realización dun estudo pormenorizaron para dotar de aparcadoiros disuasorios os barrios da cidade, dotacións que se poderían crear tanto en terreos públicos como en privados, neste caso negociado a cesión, arrendamento ou adquisición de solares privados naquelas zonas que sexa preciso
- No caso de Fontiñas insistirase na necesidade de crear un aparcadoiro disuasorio na Rúa Primavera, nos solares de titularidade municipal nos que se poderían crear uns 100 aparcamentos, e un aparcadoiro en altura neste barrio, propoñendo dúas localizacións, unha á altura do número 105 e outra á altura do 129
- Outra solución é habilitar aparcadoiros de uso temporal en zonas con gran densidade comercial, en especial onde se atopen establecementos esenciais como farmacias, para así facilitar o acceso
- Tamén piden os populares a posta en marcha dun sistema de rotación do aparcamento nas zonas da cidade con maiores problemas de estacionamento
Recorda Antonio Ameijide que no caso do aparcadoiro disuasorio da Rúa Primavera hai dúas parcelas que pasaron a ser de titularidade municipal no ano 2006, cando dende o Concello de Lugo asinaron a recepción de ambos solares, un de 800m2 e outro de 60m2, aproximadamente. “Vemos como a veciñanza xa aproveita os escasos ocos que hai nestas parcelas para estacionar, habendo nunha delas unha vivenda nun estado ruinoso, de propiedade municipal, que é un verdadeiro perigo para a saúde xa que a maleza e os ratos son os protagonistas neste punto”, explicou.
No referente ao aparcadoiro en altura proposto para Fontiñas crearíanse máis de 400 prazas de aparcamento e, ademais, gañaríanse espazos de convivencia para a veciñanza, xa que na parte alta deste aparcadoiro podería acondionarse un miradoiro con zona verde, espazo para xogos infantís e biosaudables.