Lembraron que a Xunta asinou este ano o primeiro concerto social desa enfermidade, a través do que se incrementa o financiamento de prazas e se asegura a estabilidade dos centros e asociacións
As deputadas do Grupo Popular Elena Candia e Raquel Arias reuníronse con representantes da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afalu) para recoller as súas propostas de cara a mellorar as prestacións que reciben estes pacientes e poñer de manifesto o traballo que xa está a desenvolver a Xunta, situando a Galicia como a primeira comunidade autónoma en dispor dunha rede pública de centros de día de alzheimer.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Azheimer, Elena Candia e Raquel Arias explicaron aos representantes de Afalu que a Xunta asinou este ano o primeiro concerto social de alzheimer, a través do que se incrementa o financiamento de prazas e se asegura a estabilidade dos centros e asociacións.
A través deste instrumento, a Xunta garante a estabilidade na prestación dos servizos de atención a persoas con alzheimer nos centros de titularidade autónómica e xestión externa de Ferrol, Ribeira, Lugo, Viveiro, Ourense, Moaña, Pontevedra e Vigo, coa consolidación de 314 prazas que se contratarán, por primeira vez, en réxime de concerto social.
Seguir traballando
Así mesmo, as deputadas do Grupo Popular recoñeceron a necesidade de seguir traballando para mellorar a atención aos enfermos de alzheimer para o que consideraron fundamental que o Goberno do Estado cumpra coa lexislación vixente e cofinancie ao 50 por cento a Lei de dependencia. Na actualidade, a Xunta achega o 70 por cento das prestacións en dependencia fronte ao 30 por cento do Goberno central.
Candia e Arias avanzaron que, para paliar esta situación e que a Xunta dispoña dun maior orzamento para atender aos enfermos de alzheimer, o Grupo Popular insistirá no Parlamento galego en esixir ao Goberno de España que cumpra co cofinanciamento do 50 por cento da Lei de dependencia, de xeito que a participación da Xunta e do Goberno central sexa realmente equitativa.