A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta que presentou hoxe en Comisión parlamentaria para impulsar a transformación do turismo de Galicia. Gallego acusou a Xunta e PP de defender un modelo “errático e esgotado” no canto de impulsar un turismo innovador, sustentable, dixitalizado e competitivo.
A parlamentaria socialista alertou de que o modelo turístico da Xunta xa da signos de esgotamento logo de pechar xullo deste ano con 30.000 visitantes menos que en 2022, e unha caída do 3,5 por cento menos nos aloxamentos de viaxeiros e viaxeiras. Gallego urxiu ao goberno galego a levar a cabo “as transformacións necesarias” para fortalecer un sector que representa o 11 por cento do PIB, e que manteñen centrado unicamente no Xacobeo.
Gallego salientou que o Turismo “constitúe un piar básico e estratéxico da nosa economía”, cun papel clave para a vertebración social e territorial, polo que urxiu a “perfeccionar e enriquecer o modelo turístico e fortalecelo como un sector económico líder”. Advertiu que, pola contra, o modelo da Xunta tense demostrado errático e “incapaz de avanzar na desestacionalización”, no sentido contrario dun modelo que permita atraer “cantidade e calidade turística”.
Defendeu o impulso turístico baseado no crecemento socioeconómico, a preservación dos valores naturais e culturais, que reverta os ingresos no beneficio social para afrontar retos como o despoboamento do rural, garanta a participación de tódalas administracións competentes e en proceso de adaptación permanente.
Criticou que a Xunta teña abdicado da súa responsabilidade, deixando o groso do apoio institucional nas mans do Estado, que ten destinado xa 200 millóns de euros de investimento dende 2020, incluíndo os 23 millóns de euros para o impulso dos plans de sustentabilidade turística en destino. Sen embargo, a Xunta só prevé 1,5 millóns de euros para a promoción da dixitalización no sector turístico cun máximo de 12.000 euros por axuda.