Cerca de 40 entidades e máis de 1750 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño durante a pasada fin de semana (6 e 7 de outubro). Nesta duodécima edición da Limpeza Simultánea de Praias retirouse, en total, máis dunha tonelada de lixo dos nosos areais.
O tempo acompañou o voluntariado nesta ocasión e moitas das persoas aproveitaron os seus areais acabados de limpar para pasar unha tarde de lecer, despois dun trabalo ben realizado Na actividade, coordinada por ADEGA, participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, particulares de todo o territorio galego, que traballaron de xeito organizado na praia elixida por cadaquén.
De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os pauciños dos ouvido, toalliñas e produtos de hixiene e, como vén sendo habitual, restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, tubos, sinais de tráfico, rodas…
Con este tipo de accións, a organización pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turista, así como a importancia de conservar a nosas praias libres de lixo para evitar que acabe no mar. Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias non deben de ser feitos illados, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, con respecto polos ecosistemas dunares e con especial coidado coa fauna e flora que nelas habita.
ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron a xornada e participaron como voluntarias en todas as limpezas.