As paradas serán en A Baña, Vedra, Ares e na Biblioteca Provincial da Deputación na Coruña
O espectáculo Coñece Europa con Kalopsia percorrerá catro puntos da provincia da Coruña nos vindeiros meses para achegar a Unión Europea a nenos e nenas. Esta actividade forma parte da programación que EUROPE DIRECT A Coruña ofrece aos concellos adheridos á rede Europa no teu Concello e poderá verse nos concellos de A Baña, Vedra e Ares e na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.
Coñece Europa con Kalopsia é un obradoiro de contacontos que explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen.
A continuación, o público poderá escoitar a narración do libro Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España. O conto está pensando para que os nenos e nenas coñezan a orixe da Unión Europea e entendan que a diversidade é un valor que nos enriquece.
Para rematar, os cativos converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas. A actividade contará con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.
A primeira representación terá lugar o 18 de outubro ás 17 horas na Axencia de Lectura do Concello da Baña. A seguinte parada será na Biblioteca Provincial, axendada para o 27 de outubro ás 18 horas. A continuación será a quenda do Concello de Vedra, que acollerá o espectáculo o 8 de novembro ás 18 horas na Biblioteca Municipal. A última función deste ano celebrarase o 15 de novembro ás 18 horas na Alianza Aresana do Concello de Ares.
Para máis detalles sobre a asistencia é preciso contactar cos concellos. Tamén hai información xeral na páxina web