Rueda valora que esta iniciativa “pioneira” entre as comunidades axudará a romper estereotipos, á vez que se suma a outras medidas do Goberno galego para facilitar a incorporación da muller ao mercado laboral en postos cuxa presenza “non é a que debera”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade e, neste marco, anunciou que o Goberno galego destinará o próximo ano máis de 2,2 millóns de euros para formar e contratar a unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais fortemente masculinizados. Para iso, precisou que se outorgará ás empresas que participen ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo.
Así o avanzou hoxe durante a inauguración do III Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, e que nesta edición está centrado no ámbito da dixitalización. Precisamente, citou o eido dixital e das novas tecnoloxías entre os distintos campos nos que as mulleres aínda están infrarrepresentadas e nas que o “talento feminino debería estar máis presente”.
Consecuentemente, valorou a necesidade de poñer en marcha este novo plan que cualificou de “pioneiro” entre as comunidades autónomas para favorecer a incorporación da muller en postos de sectores cuxa presenza “non é a quede debera” e, por tanto, é medible que están masculinizados. Deste xeito, considerou que esta actuación é unha “boa maneira de non só diagnosticar o problema, senón de intentar pór solucións”.
Rueda salientou que con esta medida o Goberno galego rompe “barreiras, estereotipos e esquemas preconcibidos” de que existen traballos para homes e mulleres, á vez que favorecer unha “sociedade máis xusta”. E, precisamente, nesta tarefa considerou “fundamental” a implicación da clase empresarial. “As grandes reformas se non empezan tamén polos que moven a economía non acabarán nunca de arrancar e se o fan, terán un percorrido moi curto”, alertou.
Neste senso, asegurou que a “primeira e fundamental” tarefa do Goberno galego é que Galicia avance. “E Galicia non vai avanzar se non é igualitaria. E para que o sexa, quen move a economía, que son os empresarios e empresarias, teñen que ter este principio moi presente e practicalo. E pedirlle á Administración que fagamos o necesario para acompañar todo este esforzo”, defendeu.
O titular do Executivo galego enmarcou esta iniciativa no conxunto de políticas a favor da igualdade que leva a cabo a Xunta e tamén para favorecer a incorporación da muller ao mercado laboral, entre as que se atopan a futura Lei de Igualdade, que se aprobará nun prazo breve no Parlamento galego, e que ten como obxectivo acelerar a igualdade de oportunidades e favorecer a conciliación; ou o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2022-2027, dotado con 935 millóns de euros e que, precisamente, marca entre as súas finalidades conseguir a participación da muller en todas as esferas.