A Deputación da Coruña destina 440.000 € para construír unha nova ponte sobre o río Castro, na DP – 2104 de Carral a Meirama

por Redacción A Coruña

A nova variante permitirá mellorar a seguridade viaria nunha estrada que na actualidade presenta un trazado complexo, con curvas pronunciada

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado o pasado venres destinar 440.094 euros ás obras de mellora da seguridade e construción dunha nova ponte sobre o río Castro, situado na estrada provincial DP – 2104 que transcorre entre Carral e Meirama.

A actuación ten como obxectivo executar unha variante de trazado cunha lonxitude de 300 metros, que inclúe nova obra para salvar o rego do Castro no punto quilométrico PQ 2+900. Esta estrutura permitirá mellorar a seguridade viaria nunha estrada que na actualidade presenta un trazado complexo, con curvas pronunciadas, sendo o tramo da ponte o máis sinuoso de todo o tramo.

Coa nova obra ampliarase o trazado da estrada ata os sete ou nove metros, con dous carrís de tres metros e medio cada un e beiravías dun metro. O tramo que se sitúa sobre o río ampliarase uns 3,5 metros para alcanzar a rasante proxectada para o vial. A obra completarase co acondicionamento da drenaxe lonxitudinal da estrada e a sinalización da mesma.

A nova estrutura da ponte realizarase mediante un pórtico de formigón armado de 4,50 metros de ancho e 4,65 metros de altura libres polo interior, formado por piñóns de 45 cm de espesor e un dintel superior de idéntico canto, quedando cimentado o conxunto en sendas zapatas corridas de 2,70 metros de ancho e 0,5 metros de canto. A lonxitude total da plataforma de fábrica será de 18 metros.

Sobre o pórtico executarase un recheo de 3,5 metros ata alcanzar a rasante proxectada. Así mesmo, na entrada e saída disporanse de sendas aletas de dique, aproveitando a saída para configurar un muro que reduza a ocupación do terraplén asociado á estrada.

A obra completarase coa drenaxe lonxitudinal da estrada e a colocación tanto da sinalización, como do balizamento e das defensas regulamentarias.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario