Os Bombeiros Comarcais instan ás Administracións a presentar unha nova proposta de Convenio

por Redacción Galicia

Dende o Comité de folga, na xornada de hoxe día 1 de novembro, seguinte día ao que se nos remitiu dende as Administracións responsables do Consorcios Provinciais Contra Incendios e Salvamento, un escrito instándonos a que traslademos unha nova proposta de Convenio Colectivo, e ante o feito de que os medios de comunicación foran coñecedores desa mesma misiva e amosaran o seu interese ante a nosa previsible resposta, temos a ben destacar o seguinte:

1º. Este Comité de Folga non entende que as comunicacións oficiais entre as partes deban ser compartidas cos medios de comunicación, polo que se compartirá unicamente o imprescindible.

2º. O pasado domingo 8 de outubro, ás 9 da noite, mediante correo electrónico se nos trasladou por parte das administracións que non estaban en disposición de acudir á reunión prevista para a mañá do día seguinte, (convocada desde o día 24 de setembro) alegando que cando tiveran os informes pertinentes nos volverían a convocar.

3º. Do documento que se nos compartiu onte despréndese que os interlocutores que o asinan xa están en disposición dos documentos pertinentes, polo que xa se poden retomar as negociacións iniciadas no mes de setembro e que levan suspendidas por parte das administracións desde fai máis dun mes.

4º. Na xornada de hoxe, enviouse ás Administracións afectadas por parte do Comité de Folga unha resposta argumentada de 8 páxinas ao seu escrito de onte.

En dita resposta a parte traballadora remata co seguinte, sendo isto o único que consideramos salientable para a súa difusión, en aras de manter un axeitado clima negociador:

(…)

É por todo isto que, confiando en que desta ocasión sexa certa a súa postura de achegamento, agardamos teñan a ben acudir o vindeiro día 6 de novembro ás 10:30 horas da mañá á sede do Consello Galego de Relacións Laborais, onde se nos cederá unha sala para xuntarnos e poder analizar, co seu equipo técnico, eses informes que encargaron e que entendemos xa poderán compartir con nós. Serán sen dúbida de sumo interese para comprender que aspectos da nosa actual proposta teñen encaixe segundo a súa parte e cales non.

De igual xeito lles pregamos que acudan, ademais dos preceptivos informes, coa seguinte documentación:

– (…)

Confiando en que a súa pretensión de dinamismo e efectividade nas reunións negociadoras sexa certa, expoñemos novamente a proposta feita o día 14 de setembro e que fora rexeitada pola súa banda: manter dúas reunións por semana, os luns e xoves, ata que se acade unha solución ao conflito que viven os parques comarcais ou se rompan as negociacións.

De ser o caso, saiban que a nosa pretensión e sentimento de responsabilidade para acadar unha solución ao problema que nos reúne, lévanos a amosar a nosa dispoñibilidade de manter reunións diarias (incluíndo festivos) se o dinamismo que propoñen así o demandara.

No tocante á efectividade, pola nosa banda estamos tamén dispostos a someternos aos mecanismos de mediación, por se tamén quixeran valorar esta vía.

Co obxecto de mellorar os resultados desas xuntanzas propoñemos que se levante acta de cada unha delas e se asine na mesma xornada, así como que o acordado resulte vinculante para ámbalas dúas partes.

Agardando que cumpran co seu compromiso escrito do día 8 de outubro, confiamos en que asuman a responsabilidade que lles corresponde, e non xoguen novamente a dilatar prazos.

Agradecemos que de cara á efectividade que pretenden, nos dean resposta á nosa convocatoria de xuntanza a través do enderezo electrónico com******@***.com

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario