CULINARIA participa na Feira Etiqueta Negra con dúas elaboracións do galo de curral de Vila de Cruces

por Redacción Galicia

Os cociñeiros de CULINARIA serán os encargados da súa preparación asado ao forno e guisado con guarnición

A empresa CULINARIA anuncia que participa na Feira Etiqueta Negra de Pontevedra cun stand propio no que ofrecerá diversas degustacións do Galo de Curral de Vila de Cruces. Coa súa presenza acércase ao público dende un certame do gourmet galego que está na súa sétima edición.

Durante tres días (do 11 ao 13 de novembro), Culinaria realizará un programa destinado tanto a profesionais como a visitantes, no que presentará as diferentes elaboracións do Galo de Curral de Vila de Cruces. Para a súa promoción os asistentes disporán tamén de folletos cun código QR que enlazará á web onde se poderá ver un vídeo sobre a preparación do Galo e acceder a un enlace á tenda online para a súa adquisición.

Concretamente, as dúas elaboracións singulares que estarán presentes na Feira serán o Galo de Curral guisado con guarnición ao modo tradicional, recuperando a receita que se utiliza nestas terras dende tempos antigos; e o asado ao forno de forma lenta para potenciar o seu sabor suculento.

Con este programa, Culinaria quere achegar a cociña rica, caseira e natural que se elabora diariamente nas instalacións que a empresa ten en Silleda e que se comercializa en toda Galicia, aos visitantes e profesionais que se acerquen a Etiqueta Negra. Concretamente, durante a fin de semana, ás 12:00 h e ás 18:00 h poderán degustarse as diferentes preparacións. O luns, día 13, haberá unha única degustación ao mediodía.

CULINARIA participa así como empresa cooperante na difusión é promoción do Galo de Curral, criados ao xeito tradicional no Concello de Vila de Cruces. O ano pasado recibiron un galardón como empresa colaboradora por estas dúas elaboracións na Feira do Galo que se celebrou neste Concello de referencia a finais de decembro. Asemade, a empresa participa coa Asociación de Criadores de Galos de Curral de Vila de Cruces na promoción deste produto autenticamente galego, criados sen castrar e en liberdade e alimentados con produtos de tempada e cultivo orgánico que evita a graxa do polo industrial.

Para garantir o éxito das degustacións que se ofrecerán no recinto Feiral de Pontevedra, os cociñeiros de CULINARIA traballarán para conseguir varios resultados ao padal coas súas preparacións tradicionais de forma lenta que libera parte da graxa que se foi acumulando entre os diversos músculos durante os meses de crianza, e que é un dos factores principais da primeira sensación dun sabor especial que se sinte ao mastigar. Entre os seus obxectivos está que o galo resulte mais tenro, e que non se desfaga durante a preparación.

A empresa CULINARIA conta cunha planta de produción propia de case 2.500 metros cadrados situada na Comarca do Deza, no corazón de Galicia.

Esta planta está especialmente deseñada e dotada para levar a cabo servizos de alimentación en liña fría ou quente que permite, asemade, combinar os procedementos da cociña tradicional cos sistemas de conservación máis innovadores e seguros. Esta dotación posibilita á compañía acadar un alto grao de planificación e organización da produción, ademais de garantir un máximo nivel de seguridade e hixiene alimentaria.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario