A iniciativa inclúe unha viaxe á estación de Valgrande-Pajares (Asturias) do 12 ao 15 de xaneiro
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, oferta 30 prazas para a campaña de esquí na estación de Valgrande-Pajares (Asturias). Esta iniciativa forma parte do programa da Deputación da Coruña que permitirá a mozos e mozas da provincia viaxar durante catro días á estación e familiarizarse co deporte do esquí.
Ás persoas seleccionadas na convocatoria do termo municipal coruñés corresponderalle a quenda do 12 ao 15 de xaneiro. A entrada dos rapaces e rapazas na estación será o venres antes do xantar e a saída será o luns despois do xantar. Esta actividade conta cun prezo de 85 euros por persoa e está destinada a mozos e mozas de entre 11 e 15 anos de idades, cumpridos ata o 31 de decembro do 2023.
Os participantes neste programa gozarán de 4 días na neve con aloxamento, cursos de esquí e actividades complementarias na estación invernal indicada. O prezo desta iniciativa inclúe o transporte, a recollida no punto indicado, a estadía, a manutención, os monitores, as clases, o seguro, o alugamento do material e o acceso aos remontes mecánicas.
A inscrición deberá realizarse na páxina web da Concellaría de Deportes do Concello da Coruña desde este xoves, 9 de novembro, ata o próximo 1 de decembro ás 14.00 horas. O 4 de decembro publicarase a listaxe provisional e o 13 de decembro, a definitiva. A matrícula deberá formalizarse do 13 ao 17 de decembro a través do correo programasdeportivos@coruna.gal.