O BNG de Lugo convoca a unha xuntanza a todos os colectivos afectados polo peche de graos na USC

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo: “Despois do peche do vicerreitorado, a USC continúa a retirar servizos en Lugo”

O BNG convoca a toda a comunidade universitaria e aos distintos colectivos afectados polo peche de graos na USC a unha xuntanza aberta para, segundo explicou o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo «comezar a traballar para que a USC dea marcha atrás e garanta a oferta no Campus Terra». Arroxo explicou que a xuntanza será aberta á participación de todas as persoas que o desexen, e chamou aos colectivos de estudantes, profesoras e profesores e persoal do Campus a acudir.

A USC planea eliminar do Campus Terra os graos de Paisaxe, Enxeñaría e Procesos Químicos e Enxeñaría Civil, mentres que os graos de Enxeñaría Agrícola e Forestal pasarían a ser compartidos cos campus de Ourense e Pontevedra, pertencentes á Universidade de Vigo. «Trátase de graos que teñen un gran vínculo co sector agrogandeiro, un sector clave na economía lucense», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «a USC ten que ter un peso importante na transferencia de I+D+i a este sector, e isto non se consigue eliminando titulacións».

Segundo Rubén Arroxo, «a USC continúa a eliminar servizos en Lugo». O Portavoz do BNG lembrou que a reducción de graos súmase ao peche do edificio do vicerreitorado, «un emprazamento privilexiado para a USC, cuxa rehabilitación requiriu dun importante investimento para as distintas administracións implicadas, e que foi relegado só a acoller actividades institucionais despois de ser un punto importante na programación cultural da cidade».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario