“Plantón” dos políticos aos Bombeiros Comarcais

por Redacción Galicia

Na xornada de onte estaba prevista unha reunión entre o Comité de Folga dos Bombeiros Comarcais e os representantes da Xunta e das Deputacións Provinciais, ás 10:30 horas no Consello Galego de Relacións Laborais.

Como de costume, os únicos asistentes foron os representantes dos traballadores, que aproveitaron o encontro para elaborar novas medidas e estratexias que impulsen a resolución do conflito que atravesa o colectivo.

Segundo os membros do Comité de Folga “non chegamos a entender esta mostra de irresponsabilidade e falta de coherencia por parte das Administracións”, ao tempo que reprochan que logo de visitar no Parlamento a todos os grupos, “apreciamos un clima cordial de diálogo que choca de fronte coas férreas posturas de bloqueo das Deputacións e da propia Xunta”.

Os traballadores, que non foron advertidos da falta de asistencia dos representantes políticos, igual que acontecera coa reunión do pasado día 6, critican “a falta de respecto e de educación que están a amosar os representantes da cidadanía, ao non presentarse nin advertir previamente se asistirían ou non á reunión convocada polos traballadores, en resposta á petición que facían os líderes políticos de resolver o conflito mediante un diálogo máis dinámico”.

Aínda con todo, a responsabilidade da parte traballadora leva ao Comité de Folga a propoñer unha nova reunión confiando en que nesta ocasión alguén con criterio e sentido común recolla o convite.

CONTACTOS CON OUTROS GRUPOS DO SECTOR DAS EMERXENCIAS

O Comité de Folga aproveitou a asistencia dos seus compoñentes para buscar e inspeccionar outras vías “que aínda sendo de maior percorrido tamén poden arroxar solucións de maior calado”. Nesta liña, os bombeiros comarcais iniciaron unha rolda de contactos con representantes do colectivo de Bombeiros Forestais, Grupos de Emerxencias Supramunicipais e tamén con persoal da Central Integral de Atención de Emerxencias 112 Galicia. Nas vindeiras datas afondarán para estreitar lazos e ampliar contactos tamén co servizo de emerxencias sanitarias 061. “O vindeiro día 13 terá lugar unha manifestación en Compostela dos Bombeiros Forestais, que será apoiada sen dúbida polo colectivo dos Bombeiros Comarcais” indican os representantes do Comité de Folga.

Comparte éste artículo
1 Comment