Programación do 25N na Laracha

por Redacción A Coruña

Levarase a cabo baixo o lema ‘A Laracha unida fronte as violencias machistas

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. Como cada ano, en torno a esa data o Concello organiza, baixo o lema A Laracha fronte ás violencias machistas, un amplo programa de actividades sobre esa temática que complementa ás iniciativas e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado co propósito de afrontar esa problemática social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores. 

O evento central será o propio 25 de novembro, sábado da semana que vén, coa terceira edición da andaina A Laracha unida fronte as violencias machistas na que se convida a participar a persoas de todas as idades. Sairá da Praza do Concello ás 11:30 horas, lugar no que tamén está fixado o punto de regreso tras percorrer unha distancia de cinco quilómetros. Ao remate lerase o manifesto contra a violencia de xénero.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, un dos grupos diana desta programación municipal é o alumnado dos centros educativos do municipio, nos que se van levar a cabo as iniciativas adaptadas a cada grupo de idade que previamente foran consensuadas entre o Concello e os equipos directivos e orientadoras na Mesa de Traballo sobre Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

Todo o alumnado de 3º a 6º de primaria dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, e o dos catro cursos de ESO do IES Agra de Leborís, participarán durante o horario lectivo nos obradoiros consistentes en tres sesións formativas dunha hora cada unha nos que se abordarán temas como a identificación das diferentes formas de acoso, a análise das relacións persoais baseadas no control, o papel que xogan os medios telemáticos e as redes sociais e o xeito correcto de actuar en caso de detectar ou padecer actos de ciberviolencia de xénero. Farase cunha dinámica participativa e con apoio audiovisual para favorecer a interacción. A última das tres sesións consistirá na elaboración das láminas que formarán parte dos “Muros 25N” que se exporán en espazos visibles de cada centro.

Ademais, no instituto instalarase un posto informativo a modo de Punto Violeta sobre violencia de xénero, igualdade e recursos e lugares aos que se debe acudir no caso de sufrir unha agresión machista. Nese espazo tamén haberá unha caixa de suxestións e denuncias. 

Outra das iniciativas consistirá na realización de vídeos de sensibilización social que se distribuirán nas redes municipais. O formato será entrevistas á veciñanza larachesa nas que se abordarán conceptos relacionados coa igualdade e a implicación cidadá fronte á violencia de xénero.

Tamén se inclúe no programa en torno ao 25N a función dos Venres Teatrais do 24 de novembro. Trátase de Pirolíticos, de Mofa e Befa e con texto de Lucía Aldao, María Lado e Clara Gayo. Cunha estrutura de sketches e música rockeira, escenificaranse situacións recoñecibles polo público co fin de conseguir unha comprensión da Guía rápida para unha completa pirólese que oriente sobre as novas masculinidades. 

Esta programación do Concello en torno ao 25N é organizada en colaboración co Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la Violencia de Género, coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e coa Deputación Provincial da Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario