Baldíos portugueses e Comunidades de Montes galegas irmánanse para defender o monte veciñal

por Redacción Galicia

Tameiga acolleu este fin de semana o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias no que participaron comunidades de montes galegas e asociacións de baldíos portuguesas

A Organización galega de Comunidades de Montes xunto coa Federaçao Nacional de Baldíos-BALADI celebraron, este sábado 18 e domingo 19, o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias. As actividades do congreso tiveron lugar no centro social As Pedriñas da Comunidade de Montes de Tameiga (Mos).

O Congreso europeo de Áreas Comunitarias está destinado especialmente para a participación das comunidades de montes veciñais galegas e as asembleas de compartes portuguesas. Participaron, ademais, entidades de diversa índole que viven, traballan o xestionan o medio rural, así como profesionais relacionadas co medio rural e co monte veciñal. Tamén asistiron organizacións ecoloxistas e ambientais de Galiza e Portugal.

 «Novas economías verdes en areas comunitarias: espazo de oportunidades ou risco anunciado» foio lema que presidiu este congreso. Nas charlas e mesas do encontro se abordou o papel a desenvolver polas áreas comunitarias na transición enerxética. Debatiuse cómo conxugar este papel coa presente ameaza da vaga de acaparación das terras comunitarias impulsada pola economía capitalista e auspiciada por algunhas administracións.

 Os montes veciñais en man común galegos e os baldíos portugueses son titularidades de carácter xermánico. Son terras indivisibles e intrasferible e polo tanto situadas fóra do tráfico do mercado. Ademais, están xestionadas  democráticamente pola veciñanza comuneira galega e os compartes portugueses que conforman as asambleas que rixen estas áreas forestais.

 Segundo a ORGACCMM: «As características destas terras comunitarias chocan frontalmente cos intereses de sectores capitalistas, especulativos e urbanísticos. Por iso, estes intereses, amparados polo goberno da Xunta de Galiza do Partido Popular, tentan de modificar a vixente lei de montes veciñais en man común e así eliminar o seu carácter de titularidade xermánica e proceder a privatización das terras comunitarias».

 A Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que a estratexia do capitalismo é a acaparación  das terras e, con ela, o espolio dos recursos que nelas se dan: vento, auga .minerais, producións agro-gandeiras,… Sinalan que tamén sufren intentos de acaparación de terras para a construcións de urbanizacións de luxo, campos de golf, centros comerciais ou cidades desportivas de clúbes privados como no caso dos montes veciñais de Tameiga.

«Para parar esta agresión ás terras comunitarias, a veciñanza comuneira ten que conquerir que as lexislación reforcen o carácter xermánico dos montes veciñais e que se recoñozan a estes como titularidades distintas e en pé de igualdade coas  titularidades privada e pública actualmente existentes«, destaca Xosé Pereira, presidente da ORGACCMM.

 Na Unión Europea, os montes veciñais galegos e os baldíos portugueses, como titularidades comunitarias e veciñais só existen en Galiza e Portugal. No IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias, baldíos e montes veciñais buscaran o modo de que a Unión Europea recoñeza esta titularidade veciñal e comunal para que conste esta especificidade na súa política agraria. medioambiental e de desenvolvemento rural.

Programa de actividades: https://www.orgaccmm.gal/difusion/iv-congreso-europeu-das-areas-comunitarias/

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario