A Deputación da Coruña destacou a “importancia clave” do sector do mar en Boiro

por Redacción A Coruña

Cristina Capelán visitou co alcalde, José Ramón Romero, a confraría de pescadores de Cabo de Cruz, Asmecruz e a cooperativa Ría de Arousa

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou Boiro para reunirse con algunhas das entidades do sector do mar no municipio. A deputada, acompañada do alcalde, Joé Ramón Romero, visitou a Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, ASMECRUZ e a Cooperativa Ría de Arousa.

A visita forma parte dos encontros que a Cristina Capelán está a manter con representantes dos sectores do mar nos distintos concellos da provincia para coñecer de primeira man as demandas e necesidades. «O sector do mar está a pasar un mal momento e todas as institucións nos debemos involucrar porque é un dos motores económicos do noso país. Por iso a Deputación creou neste mandato unha área de goberno específica para atender estas necesidades», afirmou a deputada.

A Deputación da Coruña conta cunha liña de subvencións de 500.000 euros para financiar gastos do funcionamento diario das confrarías. «Con esta rolda de visitas estamos detectando as principais necesidades do sector do mar e poder mellorar as liñas de axuda que temos abertas», afirmou a deputada. 

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu á deputada a súa visita a Boiro para coñecer o sector do mar que » é moi importante para o noso concello xa que del deriva boa parte da nosa economía e é fundamental que coñezamos a situación do sector e as súas necesidades», afirmou o alcalde.

As distintas entidades trasladáronlle ao alcalde e á deputada as principais necesidades que afectan a medio e longo prazo, como é o relevo xeracional e a falta de persoal cualificado así como dar a coñecer e difundir o traballo. «Dende o Concello de Boiro trasladamos xa a necesidade de contar na comarca con formación específica acorde cos sectores produtivos da zona e obter de man de obra cualificada para un sector que precisa de relevo xeracional», recoñeceu José Ramón Romero.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario