Miguel A. Abelleira Doldán, novo director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC

por Redacción A Coruña

Esta mañá tomou posesión na Reitoría o profesor Miguel A. Abelleira Doldán como novo director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña

O acto estivo presidido polo reitor, Julio Abalde, coa presenza do secretario Xeral, Carlos Aymerich, e da vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares, así como de membros do anterior equipo de goberno da Escola, encabezado por Plácido Lizancos, director da ETSAC desde 2019; e do novo equipo directivo.

O reitor agradeceu a Abelleira a súa disposición para facerse cargo da dirección da Escola, animándoo a traballar en beneficio da Universidade. Abalde tivo tamén palabras de recoñecemento ao director saínte, así como a todo o seu equipo, que traballaron arreo nunha época complexa derivada da pandemia da Covid-19 para que o alumnado puidese continuar coa súa formación.

Pola súa banda, Abelleira tivo tamén  palabras de agradecemento a Plácido Lizancos. “Espero estar á altura da Escola e dos anteriores directores”, declarou.

Miguel A. Abelleira Doldán

É profesor da área de Composición Arquitectónica, do departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición. Arquitecto nas especialidades de Urbanismo e Edificación.Doutor Arquitecto pola UDC en 2016, coa tese “Arquitectura en Galicia durante a autarquía 1939-1953”. Profesor da Universidade da Coruña desde 1991, con docencia na Escola Técnica Superior de Arquitectura e na Escola de Deseño Industrial de Ferrol.

Membro do Grupo de Investigación en Historia da Arquitectura IALA. Organizador de exposicións, cursos e ciclos de conferencias sobre arquitectura e deseño industrial. Coautor de relatorios sobre docencia universitaria e arquitectura en congresos nacionais e internacionais. Autor de informes, artigos e capítulos de libros de arquitectura de diversos ámbitos temporais e xeográficos. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario