Utilización contra o dereito á Eutanasia dunha decisión autónoma

por Redacción Galicia

Hai uns días, con importante repercusión pública, unha cidadá galega decidiu deter o proceso previsto na Lei Orgánica Reguladora da Eutanasia para acceder á prestación de axuda médica para morrer.

Semanas antes unha denuncia nun xulgado compostelán tentou deter o citado proceso, realizándose na mesma cuestionamentos graves das actuacións médicas que sustentaban o recoñecemento a esa cidadá do seu dereito á eutanasia.

Esa denuncia, despois das actuacións xudiciais oportunas, arquivouse. O proceso de valoración e a capacidade de decisión autónoma da persoa non quedaron cuestionados.

Esa mesma capacidade é a que hoxe sostén a decisión de aprazar a axuda por ela solicitada. Non é a primeira vez que isto ocorre, e non ha de ser a última. É algo relativamente frecuente no exercicio deste dereito e ten múltiples motivos. Non cuestiona en absoluto o proceso senón ao contrario, xa que salienta que todo el se basea na decisión libre da persoa.

Pero desta volta sectores confesionais extremistas sostiveron presencia pública, e agora buscan rédito ideolóxico-político distorsionando feitos, sobreactuando (non era necesaria unha intervención notarial para que as decisións da titular do dereito se coñeceran e respectaran), alimentando a desconfianza sobre os métodos e procedementos de valoración, e sementando temores e confusión sobre a liberdade das persoas para decidir sobre a eutanasia.

Non é a primeira vez que isto fan, e non será a última. A estimulación do medo é o seu instrumento para tentar reducir a pluralidade social aos estreitos límites do seu mundo.

Debe recordarse que a avaliación da capacidade da persoa que solicita a eutanasia (estado mental, comprensión, ausencia de coacción, fundamentación da solicitude, sostemento continuado da mesma) forma parte da primeira valoración que a médica/o responsable do proceso realiza ao iniciar o procedemento, conforme ao previsto na Lei.

 As opinións e valoracións públicas contra o procedemento seguido manifestadas nesta situación por entidades confesionais extremistas, a pesar do carpetazo xudicial á súa demanda, ignoran inexcusablemente (xa que son realizadas por xuristas) o que di a Lei, á que de seguro coñecen ben, acusan infundada e inxustamente a persoas e organismos públicos,  e desconsideran o esforzo emocional de todos e todas intervenientes (sanitarias/os, xuristas, técnicas/os) que, no proceso de avaliación e de facilitación da prestación, velan polo respecto aos dereitos da persoa solicitante da eutanasia.

A decisión da persoa está hoxe sendo respectada en exercicio da súa capacidade, como non podía ser doutra maneira.

Mentres, con normalidade, as persoas seguimos e seguiremos decidindo autonomamente, cando nos sexa necesario, que uso facer do dereito individual que temos recoñecido na Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario