A Praza de Abastos de Lugo acolleu a presentación do Receitario da ACERGA

O Cerco, un xeito de vida’ reúne unha ducia de receitas con peixe de proximidade ao longo de todo o ano

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, acompañado de concelleiras e concelleiros, achegouse ata a Praza de Abastos, onde se presentou o receitario da Asociación de Armadores do Cerco de Galiza. Baixo o título O Cerco, un xeito de vida, a ACERGA reúne unha ducia de receitas con peixe de proximidade para cociñar ao longo do ano. Rubén Arroxo destacou á Praza e ao Mercado como «dous referentes do comercio de proximidade», ao tratarse de dúas instalacións «nas que traballamos en fomentar os productos de Km0, procedentes de productores locais e galegos».

Tras a presentación, a cociña da Praza acolleu unha mostra de productos baseados no peixe do cerco, a cargo da asociación Cociñeiros Lugo, mostrando as distintas receitas do libro elaborado pola ACERGA. Cristina López destacou que a cociña da Praza de Abastos «permítennos achegar experiencias únicas coma esta mostra a cargo de recoñecidos cociñeiros da cidade».

A concelleira de Participación afirmou que «continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os productos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións». Cristina López animou á veciñanza a «realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación».

Comparte éste artículo
No hay comentarios