O Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC organiza un seminario en liña sobre violencias de xénero dixitais

O  próximo xoves, 14 de decembro, terá lugar entre as 10:00 e as 19:00 horas o webinario “Mapeando Violencias de Xénero Dixitais”, organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Universidade da Coruña en colaboración coa ONG Ecos do Sur e co apoio do Concello da Coruña

O seminario, que poderá seguirse a través de Teams en https://bit.ly/ViolenciasDixitais, inclúe un total de oito relatorios impartidos por expertos españois e internacionais na materia.

Tras a inauguración da xornada ás 10:00 horas, o programa dará comezo coa conferencia “Ciberviolencia de xénero contra mulleres políticas: un fenómeno tecno-social” impartida ás 10:30 horas por Eleanora Espósito, investigadora do Instituto para a Cultura e a Sociedade da Universidade de Navarra e experta nacional en comisión de servizo no Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero. Cun máster en Estudos Culturais e Poscoloniais e un doutoramento en Estudos Críticos do Discurso, Eleonora Espósito centrou a súa investigación nas interseccións complexas entre a linguaxe, a identidade e a sociedade dixitalizada, en diferentes contextos globais, que abarcan a UE, o Caribe anglófono e Medio Oriente. Eleonora, alumna do programa da Unión Europea Marie Skłodowska-Curie, foi investigadora principal de WONT-HATE (2019-2021), un proxecto no que explorou os motivos, as formas e os impactos da violencia en liña contra as mulleres na política da UE.

A continuación, ás 11:30 horas, a profesora Laura Castro Souto e a investigadora Lucía Álvarez Crespo, da UDC, presentarán o proxecto “AGITATE. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital”. Este estudo trata as asimetrías de xénero dentro da comunicación política dixital. O obxectivo é analizar como se comunica e se representa ás mulleres políticas no ámbito dixital e afondar nas prácticas comunicativas en política, examinando as diferenzas de xénero, poñendo especial atención na violencia dixital e tentando entender as experiencias e respostas das mulleres na política fronte a estes retos. O proxecto, liderado pola Universidade da Coruña e financiado polo Instituto de las Mujeres, conta cun equipo interdisciplinar con persoal investigador da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade de Vigo.

Posteriormente, será a quenda da xornalista Carmen Mesa coa súa intervención sobre “Como a loita contra a desinformación pode frear o antifeminismo”, ás 11:45 horas. Mesa é xornalista de Maldita, un xornal dixital español constituído como fundación sen ánimo de lucro dedicado ao fact checking (ou comprobación de feitos). O obxectivo deste medio de comunicación é verificar informacións que circulan en Internet, sobre todo en redes sociais, e dotar aos cidadáns de ferramentas para detectar falsas informacións ou bulos.

O programa continuará ás 12:45 horas co relatorio “Abrindo Fío”, impartido pola técnica en comunicación dixital da ONG Ecos do Sur Irene Tomé Urresti, quen ademais se dedica á investigación sobre a análise do discurso na Universidade de Santiago de Compostela.

A sesión matinal do webinario rematará coa conferencia “Respostas feministas ás ciberviolencias machistas que afectan ás mulleres con relevancia pública en redes sociais”, impartida ás 13:00 horas por Jordi Bonet Martí. Profesor do Departamento de Socioloxía da Universidade de Barcelona, Bonet é graduado en Filosofía e Educación e ten un máster en Xestión da Comunicación Política e Electoral e un doutorado en Psicoloxía Social pola Universidade de Barcelona. As súas áreas de investigación son as políticas públicas, os movementos sociais e o feminismo.

Tras a pausa para o xantar, as conferencias retomaranse ás 16:00 horas a cargo de Elisa García Mingo, quen falará sobre “Manosfera e troleo de xénero”. García Mingo é profesora do Departamento de Socioloxía: Metodoloxía e Teoría, da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, onde forma parte do Grupo de Investigación da Cibercultura e os Movementos Sociais: Cibersomosaguas.com. A súa investigación céntrase no activismo de dereitos humanos e dereitos da muller, ciberactivismo feminista, violencia sexual, cultura da violación, subculturas dixitalis e misoxinia online, entre outros temas.

Xa ás 17.00 horas terá lugar a intervención de José Antonio Ramos, profesor da área de Dereito Penal e membro do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC, quen afondará na realidade criminolóxica das ciberviolencias. Na actualidade, Ramos imparte docencia no Programa de Simultaneidade do Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Dereito.

Finalmente, a docente da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Autónoma de México Alejandra Nallely Collado será a encargada de impartir a última das conferencias da xornada. Será ás 18:00 horas, baixo o título “Activismos feministas e prácticas de resistencia no entorno dixital en México”. Collado posúe unha ampla formación no eido da comunicación, a docencia e a investigación en temas de feminismos, inclusión e diversidades, xestión cultural e de proxectos.

Todos os relatorios deste seminario en liña poderán seguirse a través de Teams en https://bit.ly/ViolenciasDixitais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios