- A investigación, aberta pola ONU en España, céntrase nunha denuncia falsa presentada pola empresa da mina de San Finx contra Ecoloxistas en Acción.
- Aínda que esta denuncia foi xa sobreseída pola Xustiza, o procedemento da ONU ven de ampliarse para abordar unha nova denuncia falsa, esta vez da Cámara Oficial Mineira de Galicia, contra 6 activistas de Ecoloxistas en Acción.
A ONU vén de facer público o oficio realizado pola irlandesa Mary Lawlor, Relatora Especial sobre a situación dos defensores dos dereitos humanos, e dirixido tanto ao Goberno de España como á empresa Tungsten San Finx, SL. Dita empresa é a propietaria da polémica mina situada no concello de Lousame, a tan só 7 km da ría de Muros e Noia.
A misiva é parte da investigación aberta pola ONU, logo de que a empresa mineira, Tungsten San Finx, SL, denunciara falsamente a Ecoloxistas en Acción ante os Xulgados de Noia tras unha acción de protesta contra as verteduras da mina. Unhas verteduras polas que a empresa mineira ven de ser sancionada agora, pola administración galega, cunha multa de 180.000 euros.
Nos oficios, asinados conxuntamente pola Presidenta do Grupo de Traballo da ONU sobre dereitos humanos e empresas transnacionais, Damilola S. Olawuyi, e polo Relator Especial da ONU sobre dereitos humanos e o ambiente, David R. Boyd, os representantes da ONU expresan a súa «preocupación ante a causa aberta contra Ecoloxistas en Acción, que tememos que estea basada nunha denuncia abusiva, iniciada en represalia polo seu activismo pacífico contra os danos ambientais resultantes da mina San Finx.»
O oficio, refire que a preocupación se ve amplificada por «anteriores acusacións infundadas que se terían interposto pola empresa contra Ecoloxistas en Acción e outras organizacións en presunta represalia polo seu traballo pacífico en defensa do ambiente», en referencia a outras denuncias falsas presentadas pola mesma empresa e que tamén foron arquivadas pola xustiza.
Sen embargo, Tungsten San Finx S.L. negouse a responder ás cuestións formuladas pola ONU, que reclamaba información sobre as medidas adoptadas pola empresa para cumprir coa lexislación ambiental, sobre os impactos causados polas operacións mineiras e sobre as medidas da empresa para garantir a eliminación dos residuos mineiros.
Ampliación da investigación a nova denuncia da Cámara Mineira.
Logo do arquivo da denuncia de Tungsten San Finx S.L. por parte do Xulgado de Noia, a investigación da ONU ven de ampliarse a unha nova acción penal, desta vez da Cámara Oficial Mineira de Galicia, tamén contra membros de Ecoloxistas en Acción. Activistas desta organización ecoloxista entregaron o pasado mes de setembro na sede do organismo mineiro varias mostras de auga contaminada procedente das minas de San Finx e Touro. A Cámara Mineira atribúelles, por isto, un inexistente delito de coaccións e asalto violento.
Coa entrega das botellas as ecoloxistas saían ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que se afirmaba que «nunca houbo problemas coa calidade das augas» en San Finx. Afirmacións feitas polo organismo mineiro a pesar de que as analíticas, realizadas por Augas de Galicia o pasado agosto, revelaban niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron a apertura dun procedemento sancionador, incoado por Augas de Galicia, contra a empresa concesionaria da mina.
Se ben a acción non demorou máis de tres minutos e foi totalmente pacífica, desde a Cámara Mineira cualificárona como un «asalto violento», mesmo chegando a afirmar que se forzara ás administrativas a beber auga contaminada. A denuncia é o caso máis recente e disparatado dunha campaña continua e sistemática de acoso xudicial por parte do lobby, utilizando acusacións falsas e infundadas na procura de intimidar e silenciar ás organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras.
Desde Ecoloxistas en Acción relacionan esta denuncia con su recente vitoria xudicial que obrigou a paralizar a mina da Penouta. Mina propiedade da empresa para a que precisamente traballa actualmente o presidente da Cámara Mineira.