- Os populares aclaran que, independentemente de que respectan ás decisións personais, non aceptan as incertezas que está xerando o debate da sucesión de Lara Méndez
- O vicevoceiro popular Enrique Rozas foi tallante: “se non o teñen claro deixen gobernar ao partido que gañou as eleccións” engadindo que “os lucenses non merecen estar sufrindo o xogo de tronos que provocou a dimisión de Méndez”
- Estas declaracións fíxoas “á vista das informacións que publican diferentes medios de comunicación nos que primeiro confirman a Paula Alvarellos como sucesora de Méndez, mentres que hoxe apuntan que hai apoios para que a alcaldía a ocupe o concelleiro que foi como nº2 da súa lista Miguel Fernández”
- Diante desta crise no seo do PSOE, Rozas lembra que “o PP é a forza preferente dos lucenses como así se demostrou nas urnas en maio de 2023”
- A veciñanza non ten por que sufrir esta indecisión xa que “o que se espera dun alcalde ou é que deixe as cousas mellor de cando as atopou e, neste caso, nin tan sequera sabe estar para abandonar o posto” insistindo en que “é unha irresponsabilidade que Lara Méndez marche de Lugo para ir de número dous na lista de Besteiro sen deixar pechado o seu relevo”
17 PREGUNTAS A COMISIÓN DE PLENO
- Dende o Grupo Popular seguiremos traballando e presentando iniciativas para mellorar os servizos e a atención cidadá e tamén para fiscalizar a acción de goberno. Vimos de rexistrar 17 preguntas para as comisións de pleno que se desenvolverán a vindeira semana.
- Entre elas destacan a Comisión de Suxestións preguntas pola desactualización da páxina web do Mercado e a Praza, ou coñecer se se fixeron xestións para montar un mercadiño urbano na zona sur.
- Na de Transición Ecolóxica solicitamos información sobre renovación de colectores de lixo; hortos urbanos; tala de árbores da rúa Montevideo e sobre o horario da recollida de lixo no servizo de porta a porta.
- En Cultura reclamamos que se clarifique porque non está aberta ao público a cloaca do Carme inaugurada recentemente e a colaboración do Concello cos Eramus que están en Lugo
- En dinamización económica queremos que se informe de prazos e situación do novo polideportivo; concesión de subvencións ao comercio local; entrega de certificados de servizos sociais ou sobre o funcionamento do Centro Social María Balteira
- Na comisión de contas demandamos ao concello que habilite a posibilidade de conciliar e teletraballar para o persoal municipal; información sobre o convenio do polígono da Louzaneta; clarificar número de expedientes sancionadores da CHMS así como un chequeo sobre o Lugo Transforma.