A Deputación de Lugo crea Exploradores do Miño, un novo programa gratuíto de lecer e educación ambiental para os máis pequenos. Consiste en actividades relacionadas co medio ambiente para nenos e nenas de entre 6 e 11 anos de idade, que poderán anotarse a partir deste vindeiro venres, a través da web da institución provincial. O programa desenvolverase entre o 26 de xaneiro e o 28 de xuño, todos os venres de 17:00 a 19:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Talleres de reciclaxe, compostaxe, herbarios, xogos relacionados co medio ambiente, actividades deportivas ao aire libre ou recollida de residuos son algunhas das propostas deste proxecto, que ten como obxectivos fomentar o lecer saudable dos rapaces, poñer en valor o medio natural, concienciar sobre o seu coidado e facilitar a conciliación laboral e familiar dos pais e nais.
O prazo para poder inscribirse comezará o vindeiro venres, 19 de xaneiro, na web: https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. Serán un total de 21 actividades gratuítas para as que haberá dispoñibles un máximo de 20 prazas. Os nenos e nenas que participen levarán un paquete de produtos coa imaxe da iniciativa e conseguirán un título que os distinguirá como Exploradores do Miño.
As actividades previstas, que poderán cambiar en función da meteoroloxía, serán:
- Aprendendo a reciclar.
- Aprendendo a compostar.
- Aprendendo a vermicompostar.
- Papel reciclado.
- Encadernación de libros en papel reciclado.
- Saída para recoñecer árbores, recoller follas e facer herbario.
- Xoguetes con materiais reciclados.
- Saída para recoñecer herbas de San Xoán.
- Que sabes sobre medio ambiente?
- O ciclo da auga.
- Creación dun xogo de mesa sobre medio ambiente.
- Facemos un niño de paxaros.
- Animais da biosfera.
- Facemos un mapa con topónimos.
- Representamos lendas da Terra do Miño.
- Trivial Arde Lucus.
- Facemos máscaras e disfraces de Entroido con papel e cartón.
- Creando emoticonas con material reciclado.
- Protexemos a nosa contorna, con saída para recoller restos non biodegradables.
- Deportes ao aire libre.
- Plantación de especies hortícolas autóctonas.