Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a nova Edición do Lugo Máxico deste 2024

por Redacción Lugo

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron xunto co Mago Antón a edición 2024 do festival de maxia de  Lugo, «unha cita totalmente consolidada no calendario cultural de Lugo e que axuda a estimular a imaxinación e a capacidade de concentración dos e das máis cativas». A concelleira engadiu que «durante eses días chegarán a Lugo unha serie de magos de gran calidade e recoñecemento, tanto galegos como do resto do estado e do mundo». Á presentación acudiu tamén Xulio Merino, un dos magos galegos con maior proxección internacional.

O Lugo Máxico 2024 achegará 17 actividades que terán lugar entre o 12 e o 15 de setembro, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo. O HULA acollerá sesións de maxia o xoves 12 a partir das 13.00 horas.

A primeira gala do Lugo Máxico 2024 terá lugar o xoves 12 a partir das 11:00 horas coa Gala Colexios que terá lugar no Auditorio Municipal, e que volverá a celebrarse co mesmo horario o venres 13. A primeira Gala Unipersonal será tamén o venres ás 21:00 horas no Auditorio e a segunda, o sábado 14 ás 18:00 horas.

Do mesmo xeito, a Maxia na Rúa voltará a Lugo os días 13, 14 e 15, ao igual que a Maxia en Cafés Concerto, que será sempre en horario nocturno ás 00:00 horas. O Magomóbil continuará a ter o seu espazo o sábado 14 e o domingo 15 a partir das 11:00 horas e ata ás 17:00 horas, tempo no que os nenos e nenas poderán desfrutar de diversos espectáculos da man de numerosos artistas da maxia.

O Vello Cárcere será escenario de dúas conferencias divulgativas sobre maxia a domingo 15 en horario 10:50 e 12:30, respectivamente. A maxia galega e portuguesa volverán a mesturarse na Gala Galego-Portuguesa que se celebrará o sábado 14 ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire. Tamén haberá oco para a maxia internacional na Gala Internacional Lugomáxico que pechará o festival o domingo 15 ás 19:00 horas no Auditorio.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2024 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario