Vale que ninguén contase cun partido fácil, máxime coa baixa no xogo interior de Pepe Moreno, pero había tempo que non se vía un partido tan complicado como o que seu viu a tarde do domingo no Carregal. O Rosalía, clasificado finalmente por basket average para o grupo polo título, chegou a Betanzos sen a presión polo resultado e foi polo partido dende o inicio, como ben demostra o 0-8 do arranque.
Alicerzados nun efectivo tiro de tres (10/18, un 55%) os de Santiago non deron tregua a un Santo Domingo, pouco acertado nesa faceta (4/14, un 28%) e na defensa dese tiro exterior, que só xogou aos tropezóns. Se a reacción perante ao parcial inicial parecía levar as cousas ao seu lugar (18-17 no 1Q, 37-33 ao descanso) un calamitoso terceiro cuarto, do peor que se viu no Carregal nos últimos tempos, arrincou os primeiros apupos da bancada nesta temporada: 0-18 de parcial para os santiagueses, só mitigado nos últimos minutos por unha lixeira reacción (8-24).
Así as cousas, con anoxo incluído de Doc, que mudou dunha vez os 5 xogadores que tiña en pista, poucos pensaban que o signo do encontro puidese cambiar. Cun 43-57 a falta de pouco máis de 1 minuto para o remate dese fatídico cuarto, os de Betanzos puxéronse a defender o que non defenderan no que ía de partido, e cun parcial de 24-04 sumaron unha vitoria coa que ninguén contaba minutos antes. Providencial o empuxe de Latas, que volveu facer un extraordinario partido, providencial tamén os últimos minutos de Abelleira, e providencias como non, os veteranos, Will e Rozas, o último sumando unha tripla decisiva nos últimos segundos. Defendéronse mal as triplas, falláronse unha chea de tiros libres, acertouse pouco no xogo exterior e no rebote en ataque, pero, ao fin e a cabo, a vitoria quedou na casa e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos acaba a 1º Fase con 12 vitorias en 12 partidos.
O difícil -e era de esperar- comeza agora.
Ineltrón Santo Domingo Betanzos 67: Will Pereiro 9, Abelleira 11, Sanjurjo 1, Dani Cayado, Jorge Cayado, Dani Martín 2, Luis Portilla 6, Cardalda 2, Latas 15, Ernest 5, Brezo.
Rosalía de Castro 61: Luis García Ortiz 8, Sergio Valdés 15, Carlos Valdés 5, Álvaro Foira 7, Valenzuela 6, Javi Prieto 15, Andrés Blanco, Josué Mújica, Campuzano 5.
Demasiada vaca sagrada