A entidade provincial exhibiu a súa marca turística e gastronómica «A provincia que sabe» a través do traballo de produtores locais, chefs e outros profesionais do sector
Turismo da Deputación despide unha nova edición de Madrid Fusión, e faino cun balance moi positivo en canto a afluencia de público e participación nas diferentes actividades levadas a cabo no seu stand, e tamén no éxito comercial e promocional que tiveron os diferentes produtores que asistiron á feira da man da entidade provincial.
«A nosa provincia triunfa alá onde vai e, nesta ocasión, exhibimos nesta feira tan especializada unha proposta gastronómica e turística da man de produtores, cociñeiros e outros profesionais que fan marca país», sinalou Xosé Regueira. «Queremos apoiar a estas pequenas empresas para que o seu traballo sexa coñecido e recoñecido, e o éxito da súa participación en espazos de tan alto nivel como este referendan o seu bo facer».
Esa foi a aposta que definiu a programación da Deputación en Madrid Fusión, centrándose en amosar a materia prima de pequenos produtores locais e as receitas protagonizadas por estes produtos tan vinculados ao territorio desenvolvidas por chefs de referencia, dous deles con estrela Michelín, e procedentes dos diferentes xeodestinos da provincia.
«Na Coruña hai moito talento, tanto no sector agroalimentario como no gastronómico e queremos presumir del e poñelo en valor» salientou Regueira. «Vemos a profesionais xa consagrados que son referencia, pero tamén outros emerxentes con propostas moi innovadoras e interesantes», engadiu. «Todos eles teñen en común o respeto e o amor polo territorio, que define o seu traballo, con produtos de quilómetro cero que falan moito do sitio ao que pertencen».
Showcookings repletos de público que se interesaba polas propostas dos cociñeiros e pola súa historia máis aló da súa cociña; exposicións polas que non paraban de pasar visitantes preguntando polos valores diferenciais dos produtos, así como profesionais que querían coñecer de primeira man o traballo de produtores e pequenas e medianas empresas como A Despensa de Lujo, Costumes empanadas de Galicia ou Bello Blanco Licores, entre outras, e profesionais que encheron as actividades que se levaron a cabo no stand da Deputación como as charlas e catas sobre viños coruñeses, as degustacións e as masterclass sobre algas da provincia. «A provincia que sabe» destacou, de novo, nunha nova edición de Madrid Fusión.