A Tenencia de Alcaldía de Lugo colabora coa Feira do Entroido de Nadela

por Redacción Lugo

Haberá saída de autobuses gratuítos dende diante do Instituto Femenino cada media hora con parada e volta dende o Campo da Feira de Nadela

A Tenencía de Alcaldía do Concello de Lugo apoia o regreso da Feira de Entroido de Nadela logo de anos sen celebrarse. A través de dúas das súas concellerías, ofrecerá axudas para que «toda aquela persoa que o desexe poda acercarse gratuitamente ata Nadela para desfrutar dos produtos máis típicos da nosa gastronomía durante estas datas próximas ao Entroido», explicou a concelleira de Participación.

Cristina López destacou o carácter tradicional desta feira que «ofrece unha variedade de exposición e venda de produtos da nosa terra con máis de cen postos».  Para a concelleira, «as feiras de produtos tradicionais desempeñan un papel crucial na preservación da cultura e o patrimonio, ao tempo que fomentan o comercio local e a sostibilidade das nosas comunidades». Ademais, insiste López, ofrecen ás persoas que as visitan a oportunidade de coñecer tradicións arraigadas e produtos auténticos. A concelleira de Participación falou tamén da «importancia de contar con actividades para todos os públicos, sobre todo nesta época de Entroido, tal e como acontece neste caso co concurso de traxes e a animación con distintos tipos de músicas».

Para facilitar o desprazamento ata a Feira de Entroido, a concellería de Mobilidade dispoñerá, ademais, unha frota de autobuses para ofrecer un servizo gratuíto de autobuses que conecten a cidade de Lugo con Nadela de 11.30 a 14.15 horas, e de 17.00 a 20:45 horas. Os buses sairán da cidade dende a Avenida Ramón Ferreiro, diante do Instituto Feminino, ás en punto e ás e media, e voltaran de Nadela dende a parada do Campo da Feira ás e cuarto e menos cuarto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario