O Ineltrón Santo Domingo Betanzos mídese ao CB Allariz

por Redacción Deportes

Esta terceira xornada da Segunda Fase da 1ª Nacional trae consigo todo un reencontro. Logo de máis dunha ducia longa de anos sen vérense as caras na primeira categoría, Santo Domingo Betanzos e CB Allariz volverán xogar un contra o outro este sábado. A cita terá lugar no pavillón municipal da vila ourensá ás 20h e servirá para medir as forzas de dous equipos con bagaxe diversa: 2-0 para os de Doc e 0-2 para os de Carlos Javier Vázquez, que deben gañar perante o seu público para non “descolgarse” neste grupo tan igualado. Cuartos no Grupo Sur con 8 vitorias e 6 derrotas, os allaricenses comezaron con ganas esta fase A1 polo título e, se no primeiro partido contra Rosalía só sucumbiron no último cuarto, no seguinte, fronte ao Costa Ártabra, foi nos últimos segundos, con técnica incluída, cando deixaron marchar a vitoria (54-58). Cun roster reforzado con xogadores mozos que xa tiveron a súa experiencia en EBA con Bosco Ourense (Armel Nongo e Richard Sena) os de Allariz vertebran o seu xogo arredor de xogadores “da casa” como Iago Feijoo e Javier Cid, este último formado no club en categorías inferiores, e anticipan un auténtico óso duro de roer neste, o primeiro desprazamento do Santo nesta segunda fase.

Trascendentais partidos dos Mini de Primeira e múltiples duelos contra Basquet Coruña

Polo que toca ao resto de encontros do club destaca a xornada “dobre” dos mini de Primeira División, que se enfrontan o venres a Montrove e o sábado a Culleredo, co obxectivo de pasar o corte polo título (para iso precisan gañar de máis de 4 puntos a Montrove e non fallar en Culleredo) e os “múltiples” partidos que medirán o Santo e ao Básquet Coruña durante a fin de semana: os preinfantil, o infantil e cadete masculino, os sénior de Segunda División e La Goleta. As infantís xogan na casa contra Basket Xiria, as cadete contra Golfiños Sada e as Sénior contra Santa Baia de Boiro. Os júnior de Javier Codesido e Alberto Blanco esperan o Liceo o domingo á mañá.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario