Xosé Edrosa Leal
Aínda que disimulen e digan o contrario do que pensan, no PPdeG están ata o moño do que para os seus militantes son inoportunas meteduras de pata de Feijóo en plena campaña electoral de Galiza, a particular “ Insula Barataria “ dos conservadores galegos, depositaria dos seus valores patrios e exemplo do resto do Reino de España. Que grandes somos!
O máis salientable dos feitos esvaradores, sucede na noite do pasado venres día nove, unha cea organizada por un reducido grupo de toda confianza do señor Feijóo, constituído en Alta fonte; como convidados, dezaseis xornalistas de distintos medios de comunicación, todos eles sometidos a unha condicion sine qua non, non revelar a identidade da fonte. Un cónclave no que resulta verosímil que estaba presente o señor Feijóo e o seu grupo íntimo de corifeos, dispostos a anunciar un xiro copernicano á filosofía e políticas implementadas polo PP cara a Catalunya e Puigdemont (eurodeputado polo Reino de España e confinado en Waterloo). Un xiro que descolocou a propios e extraños, pois significaba a inversión do que foi a pedra angular e monotemática das estratexias das dereitas dos últimos anos, con procesos xudiciais sumarísimos máis sonoros dende que se recuperou a democracia secuestrada neste país durante a longa noite de pedra.
O obxectivo daquela xuntanza non era outro que o de dar a coñecer diante da opinión pública que existían vías abertas de diálogo para a reconciliación entre o PP e Junts para explorar posibles acordos de presente e futuro, entre os que figuraban a amnistía e o indulto, desbotada a primeira por considerala inconstitucional, conclusión á que chega o señor Feijóo despois de estudar tal posibilidade durante 24 horas, quedando aberto o indulto con condicións, segundo transcendeu. Agora cómpre preguntar: se o señor Feijóo non chegara a esa conclusión, estaría disposto a aplicar a amnistía? Apelando á simple racionalidade, a resposta é que sí. Outra observación: cando o presidente do PP defendía con contumacia a inconstitucionalidade de dita lei, enténdese que aínda non a tiña estudado, feito que pon en cuestión a solvencia das súas conviccións.
As condicións do posible indulto, non serían outras que Puigdemont se entregara á xustiza española para ser xulgado e condenado, feito que resulta obvio, pois ninguén pode ser indultado sen antes ser xulgado e condenado. Cousa distinta é como se poden sentir escoitando estas palabras os membros da xudicatura, os que se verían sometidos a un premeditado cambalache e banalización do seu labor de facer xustiza.
O que falta por saber (ata o de agora) é coñecer os motivos para que en plena campaña electoral, o máximo responsable do PP lance este órdago, feito que todo apunta ás presións de Puigdemont ou do seu entorno, ameazando en sacar á luz o contido daquel arcano.
Ao día seguinte daquela cea, na vila de Sarria (Lugo), á beira do Malecón, conxunto urbanístico aloumiñado polas augas do río que leva o nome deste pobo, tamén chamado Oribio nos seus primeiros andares, cruzado polo Camiño Francés cara a Compostela. Alí o líder conservador ratificou dalgún xeito en primeira persoa a materia filtrada a noite anterior a aqueles dezaseis elexidos para tan alta misión; os mesmos que agora son degradados a perversos enviados por Pedro Sánchez para facer dano ao PARTIDO POPULAR.Unha afrenta para aqueles dezaseis profesionais da información, xa que está sendo posta en entredito a súa credibilidade, habida conta do desmentido que agora está protagonizando aos catro ventos Núñez Feijóo. Mais esta afrenta non soamente afecta aos citados profesionais, que tamén, senón e sobre todo, aos medios de comunicación que representaban, xa que a súa identidade foi divulgada ante a opinión pública, feito que por repecto aos seus lectores, teleespectadores e radiooíntes están obrigados a unha información veraz do alí sucedido.
Despois daquel sorprendente e arriscado feito que poñía pés arriba a sinceridade e veracidade das estratexias que viña mantendo o PP fronte ao conflicto político xurdido en Catalunya, no que o partido conservador xogou un papel moi activo na súa xestación e posterior desenrolo. Non fixo falla que cantara o galo tres veces, pois abondou unha chamada do Km. O da Porta do Sol para que o señor Feijóo orientara o seu rumbo e de súpeto voltara ao rego, pois a mensaxe da señora Ayuso foi clara “… Con Junts ni a la vuelta de la esquina “, intre no que o dos Peares pasa a negar todo o dito; e o señor González Pons que tamén estaba nas conversas segredas e prohibidas cos de Puigdemont, agripa e encama, cancelando todos os seus compromisos institucionais. Danos colaterais.
Por outra banda e ante a situación creada, o seu socio de reparto, o señor Abascal, di que hai que atar curto ao dos Peares para que non se desmande e minta aos españois. Unha maneira de aproveitar o esvarón do popular e ao mesmo tempo xustificarse diante da súa parroquia, pois non hai nada que non teña arranxo cando está en xogo o poder, e cunha boa dose de hipocresía , asunto resolto.
Máis todo isto sucede, mentres o candidato virtual do PPdeG anda a probar os púcaros elaborados con productos foráneos pola señora Ayuso e o seu mentor, deixando os manxares do país para a oposición, que nin tan sequera se xunta con ela para expór as súas receitas ás galegas e galegos. Un asunto nada menor que ata un xornal de Madrid nada sospeitoso lle chamou a atención e aconsellou: señor Rueda, a campaña en clave galega, consello do que o candidato tomou nota, e díxonos á cidadanía desta terra “ GALICIA É A MIÑA RAZÓN DE SER.” E aí queda resumido todo o seu inmenso caudal.