CCOO-Servizos: «Seguimento do 82 % da «histórica» folga do sector financeiro en Galicia»

por Redacción Galicia

A esta xornada de folga estaban chamadas a participar 7600 persoas; as mobilizacións intensificaranse ata o paro de vinte e catro horas previsto para o vindeiro 22 de marzo

A Federación de Servizos de CCOO informa dun seguimento en Galicia do 82 % da «histórica» folga do sector financeiro, á cal estaban chamadas a participar 7600 persoas na comunidade autónoma e 152 000 en toda España. Oito de cada dez traballadoras e traballadores do sector secundaron o paro de dúas horas, entre as 8 e as 10 da mañá. «Atrasamos dúas horas a nosa entrada ao traballo, mais avanzamos tres anos para o futuro», advirten desde CCOO, que convocou a folga conxuntamente coa UGT e FINE.

Un paro histórico, pois nunca antes se mobilizaran ao mesmo tempo a banca, o aforro e as cooperativas de crédito, que respectivamente empregan a 2600, 4800 e 200 persoas en Galicia. Ademais da folga, houbo tamén concentracións na Coruña e en Vigo.

CCOO insta as cúpulas directivas dun sector —que bateu todas as súas marcas de beneficios— a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para, co niso, incrementaren de maneira xusta os salarios do persoal, fixar un límite sectorial e por empresa do tipo de xuro dos empréstimos, reducir a carga laboral e presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario