A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta que poña fin á temporalidade na sanidade e na educación

por Redacción Lugo

Desde o 2012 os contratos temporais pasaron en sanidade de 33.798 a 43.217, o que supuxo un incremento de case o 30% segundo os datos do Ministerio; e en educación non universitaria os contratos de menos de seis meses case o 9% nese tempo

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia que poña fin temporalidade na sanidade e na educación, que se disparou nos últimos anos e que segundo os datos do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública con máis de 80.000 contratos precarios entre ambos servizos. Así se acordou no Pleno deste martes tras unha moción do PsdeG que contou cos votos a favor dos socialistas e do BNG e co voto en contra do PP.

Destacou o Presidente, José Tomé Roca, antes de entrar na sesión provincial, que a Xunta de Galicia “incumpre” coa Lei de Estabilización posta en marcha polo Goberno socialista de Pedro Sánchez e destacou a sentencia que vén de ditar o Tribunal de Xustiza da Unión Europea neste sentido. “Na Deputación temos todo en marcha, estabilizando ao persoal en función dos anos de antigüidade. Na Xunta non é así”, insistiu.

“Somos a terceira comunidade con peor ratio de médicos por habitante, a terceira con peor ratio de persoal de enfermería e a que peor ratio ten de profesionais por paciente en areas como a saúde mental”, lamentou a Voceira socialista, Pilar García Porto.

García Porto expuxo que de acordo cos datos do Ministerio, en xaneiro do ano 2012, os contratos temporais no ensino non universitario foron 34.521 que se converteron na actualidade en 37.587, “co que nunha década a contratación temporal en educación incrementouse case nun 9%”. Unha suba “aínda máis notable no eido da Sanidade Pública”, que tal e como explicou a Voceira socialista pasou dos 33.798 contratos temporais no 2012 aos 43.217, o que supuxo unha subida da temporalidade de preto dun 30%.

Sinalou a Voceira socialista “a necesidade de reducir a temporalidade na contratación como xeito de garantir a carreira profesional e fortalecer a calidade dos nosos servizos públicos”, destacando que as reducións dos cadros de persoal e a temporalidade “afectan de xeito especial ao mundo rural, ante a incapacidade da Xunta de Galicia de desenvolver políticas transversais que combinen salarios dignos, carga de traballo axeitada e incentivos para favorecer o asentamento profesional no rural”.

Ademais das medidas urxentes para reducir a temporalidade, a Deputación de Lugo tamén lle esixirá á Xunta de Galicia medidas que revertan a política de recortes que durante estes anos veñen minguando os cadros de persoal na sanidade e na educación, de xeito especial no rural; o deseño dun novo modelo de carreira profesional, nomeadamente na Sanidade, que rache coa tendencia actual que leva a moitos profesionais a renunciar ás prazas que obteñen, por non querer desenvolvelas nas condicións que fixa o Sergas; e a apertura de canles de diálogo coa FEGAMP, as Deputacións e os Concellos para desenvolver de xeito conxunto políticas transversais que favorezan a creación de emprego no rural e o atractivo do rural como destino para os funcionarios públicos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario